Mostrar mensagens com a etiqueta Cousas de nenos. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Cousas de nenos. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 21 de setembro de 2007

Un fado

Onte chamoume a miña nai para dicirme que apañara tomates e pementos e uns pés de leituga e para que os fose buscar. Eu chámoa casi todos os días e, cando vou vela o fin de semana, sempre traio froitos da horta. A miña nai nunca antes collera o teléfono para falar da horta; eso só o fai o meu pai. Onte díxome que os tomates saíran moi doces, coa carne zumarenta e preta, como a da xente nova, e que facían boísima ensalada. Os pementos arrecendían e servían moi ben para cociñalos recheos. As leitugas eran rizas, como me gustan a min. Seguiu un suspiro longo.
-Onte atoparon no monte a Berto Couto. Estudiara contigo na escola, verdade?
Non esperou resposta.
-Estaba entre dous penedos do Piñeiral, cun golpe na cabeza e co corpo medio desnudo, zurzido de feridas vellas e novas. Era sabido.
Notei un arrepío e non souben qué dicir, pero creo que nin se decatou.
-Mira que era ruin ese rapaz, dende ben pequeno. Canto fixo sufrir á avoa! Non podería ter saído bo?
Era ruin, si. Levábame un ano ou dous e xa cando iamos a escola de dona Isabel, que era unha mistura de gardería e aula para rapaces difíciles, a profesora amarráballe un pé á pata do pupitre para que non fuxise pola ventá. Debía de ter catro anos ou cinco e andaba sempre porco, cun pelo longo que lle tapaba os ollos e cunhas patillas mestas que lle facían parecer un bandoleiro. Non recordo a cor dos seus ollos, que sempre agachaba, nin a forma da boca, pero si aquela pel escura, que parecía reflexo dun sol negro, e aquelas mans, onde as liñas das palmas apenas se distinguían baixo un enreixado de cortes e feridas que, as máis das veces, non acababan de curar.
Da escola de dona Isabel desapareceu nunha ocasión durante máis dun mes despois de lanzarlle unha pedra á cabeza a Julito, o fillo do panadeiro, porque lle preguntou pola súa nai. Deulle no medio e medio da fronte e ao rapaz comezou a caerlle una pinga grosa de sangue pola pendente do nariz que nos deixou a todos espantados, como se Julito fose un aparecido. Ao primeiro, ninguén se moveu, pero cando Julito abriu por fin a boca e soltou un berro que parecía chegar dun corpo moito máis vello e grande que o seu corpiño de cinco anos todos comezamos a rodealo e a berrar tamén, asustados máis polo queixume que pola ferida. Berto, que despois de lanzar a pedra quedara cos ollos fixos en Julito, saiu entón correndo do patio e colleu o carreiro das Vacas Vellas, o que levaba ao monte.
Cando o panadeiro viu chegar ao seu fillo coa fronte marcada, como se fose un santo, din que foi directo a falar coa avoa do rapaz. A señora Isaura, que era unha muller moi alta, de nariz grande e mal feita como un pemento e a que eu recordo con pano na cabeza e sempre de loito, abriulle a porta cos ollos baixos e cun xesto amable, porque ainda non se lle enchera de fel o corpo, e recordoulle ao panadeiro que o seu neto ainda non cumplira cinco anos.
-O rapaz non é bo, xa se ve, e non vai facer carreira na escola, pero ninguén ten que andar sacándolle cousas da nai, que bastante tivo que ver o pobre ata que a levaron para curarlle os nervos.
-Iso é outra historia, señora Isaura, pero ao meu fillo case o mata... –parece que lle replicou o panadeiro.
-Hai feridas peores, veciño, e unha nai doe máis que unha pedrada... -din que dixo dona Isaura- Deixe ao rapaz, que xa verei eu de endereitalo ata onde me den as forzas.
Foi a primeira vez que falou así a muller e a última, porque nos anos que seguiron e, polo menos ata oitavo de EXB, que foi cando Berto deixou o colexio, houbo centos de pedradas, fuxidas ao monte, pelexas, castigos, paus... que esgotaron a pobre vella e demostraron que o rapaz era revirado como un tronco de vide. Pero ninguén foi quen de falar outra vez da súa nai.
-Era ruin o rapaz, miña filla –seguiu a voz no teléfono-, pero tamén é ruin ter vida de can. E morte.
Seguiu un silencio e logo o pitido rápido de fin da chamada. Marquei eu desta vez e, cando oín de novo a voz da miña nai, salpicaba as palabras cun leve sorber de mocos.
-Bueno, e entón a que hora ves buscar os tomates e iso? –dixo cun falar despreocupado.
-Hoxe? Pero hoxe é... xoves, mamá. –e ao dicilo souben que non había volta.
-Xoves, si. Entre semana hai menos tráfico. A ver se podes chegar antes da cinco.
-Das cinco?
-Si, porque os tomates xa os apañamos onte e canto antes os leves... E así podemos dar un paseíño e, se nos cadra, ainda chegamos ao enterro... Xa sabes que entre semana aos enterros van catro e, sendo quen é, igual nen catro. Un veciño é un veciño, filla- engadiu querendo soar severa.
Tiven que andar ás carreiras e esquecer un cento de cousas que quería facer pola tarde, pero antes de coller o coche para ir á vila ainda me chegou o tempo para mercar unhas flores. A florista púxome unhas rosas brancas das que usaba para os ramos de noiva e escribiu nunha cinta con letras douradas: “Nunca te esqueceremos”.

segunda-feira, 20 de agosto de 2007

Retallos

Cando tiña once anos namoreime do meu curmán Pedriño, o fillo máis novo da tía Teté e do tío Lucho. Ata entón Pedriño non fora máis que un langrán que me levaba media ducia de anos e que non era quen de chamar por min máis que berrando miñoca ou miñoca gordecha, ainda que eu daquela xa tiña un corpo que quería ser de muller. Pero o día que me namorei del conseguín recuperar o meu nome e, agradecida, devolvinlle a el o seu.
Estabamos no parque da vila, cadaquén polo seu lado -eu facendo un beberaxe con terra, auga e follas de margaridas e el agardando ao seu irmán Antón que viña da cidade no coche de liña-, cando a miña nai comezou a chamar por min a berros para que fose comer.
-Amaaalia! Ammaaaalia! Ammmaaaalia!
Pedriño, que de puro aburrimento facía debuxos co talón do pé na area, levantou de súpeto os ollos do chan, fitoume como se non me recoñecera e cunha fala macia que me deixou pampa soltoume:
-Nunca me decatara ata agora do bonito nome que é Amalia.
Díxoo como se, por primeira vez, os dous pertencésemos a mesma especie animal e só iso fixo falla para que Pedriño, aquel rapaz espigado e de ollos verdes e escintilantes como os da súa nai, virase Pedro de vez. A impresión non me deixou porén nen dicirllo porque dos beizos só me saía un ar esmorecido, sen son, mentres as letras que precisaba para formar o seu nome rebulíanme como cóxegas debaixo do embigo.
Pasado ese día, comecei a dubidar entre estar con el apampada de tan alto e tan guapo que empezaba a parecerme ou fuxir ás carreiras en canto o vía rondar, porque a min, que tanto tiven que aturarlle, aquel xeito tan doce que tiña conmigo entenrecíame ata encherme os ollos de bágoas. Facía cousas como collerme da man para cruzar a rúa, cando na nosa vila daquela non pasaban case coches; ou axudarme a facer os deberes e rir divertido se erraba na tabla de multiplicar; ou gastar a paga toda en mercarme caramelos na tenda do señor Baldomero. Levábame todas as tardes despois de facer as tarefas e nunca esquecerei aquela campaíña que nos anunciaba cando entrabamos da man, como se fosemos uns noivos saíndo da igrexa, mentres Mercedes, a filla de Baldomero, levantaba os ollos dos seus libros e observaba curiosa aquel xeitiño de namorado de Pedro.
-Boa tarde, Mercedes, como vai?
-Por aquí, dándolle aos libros.
-Se tes algunha dúbida, xa sabes a quen preguntarlle –dicíalle coidadoso el, que repetía curso e estudiaba na aula da rapaza.
-Pois a bo sitio me mandas, burricán –e soltaba unha gargallada que a Pedro o facía corar e a min enchíame de carraxe.
Mercedes non se cansaba nunca das chanzas, pero a Pedro parecían non importarlle e, á tarde seguinte, preocupado só por premiar o meu bo facer cos deberes, recuncaba e entraba sorrinte na de Baldomero a mercar os meus caramelos.
Aquelas maneiras de rapaz formal non só me admiraban a min, senón que tiñan parva a toda a familia. Cando Pedro levaba xa unhas semanas mudado, un día que eu andaba a enredar no almacén da mercería da miña nai, chegoume dende o mostrador a voz da tía Teté.
-Tal parece que me cambiaron o fillo, Celia, xúrocho –dicíalle marabillada á miña nai-. Ten o seu cuarto como unha patena, pon a mesa sen que llo digas e fai todos os mandados sen chistar. Esta feito un home... Un home de calidade, vamos.
Eu sabía de sobra de quen falaba e comecei a camiñar a modo ata a porta do almacén para escoitar mellor.
-O amor, cuñada, o amor...-puíndenlle oír con asombro a miña nai e, ao sentirme descuberta, revolvinme para fuxir, tropecei sen querer cunha morea de caixas e botei polo chan douscentos ou trescentos botóns negros máis pequenos que a unlla do maimiño.
-Ammaaalia! A que andas, rapaza?
Quedei emocionada e sorprendida e, mentres recollía un por un os botóns do chan, convencinme de que, ao final, que Pedro e eu fosemos curmáns non parecía ser un drama na casa e menos ainda que eu fose unha nena, porque era só cousa de tempo. Pensei que tería que falar con el de todo iso, pero mentres gardaba os últimos botóns na caixa resolvín agardar unha ou dúas semanas por ver se el daba algún paso, como entón dicían que facían os homes.
Pero correron tres semanas e nada. Así que unha tarde que estaba de novo no almacén da tenda, mentras a miña nai e a tía Teté seguían cos seus dixomedíxomes fóra, resolvín corresponder ao seu amor paciente dalgunha maneira e mentres ensaiaba as palabras máis certas para dicirlle que nunca tería máis mozo que el, collín un retallo de tela encarnada e púxenme a traballar nel. Cando xa conseguira coser unha bolsiña con forma de corazón e andaba á busca dun pouquiño de recheo mol para enchela e rematala, oín un rebulir e unhas risiñas fóra e asomeime á mercería.
-Ai! Mira, mira!- dicía a miña nai sacudindo a man como se lle queimase.
Ela e a tía Teté estaban no bico dos pés xunto o escaparate e parecían dúas adolescentes.
-Ai! Que monada, Celia!
-Onde se viu, dime ti, parella máis bonita? Xa cho dicía eu-engadiu a miña nai.
Non sei como fun quen de chegar dende onde estaba ata a porta do negocio, pero cando vin a través do cristal cara a rúa tiña a certeza do que ía atopar, como quen intúe unha morte.
No mesmo parque onde eu pasei de mincha a Amalia e Pedriño virou Pedro, paseaba o meu curmán con Mercedes, a filla do señor Baldomero. Ían a mesma altura, pero a un metro un do outro, e ainda así había algo no seu camiñar vagaroso que non precisaba palabras.
A miña nai e a tía Teté seguiron a mirar enlevadas ata que escoitaron un salouco ao seu carón e se viraron á vez.
Ao verme a agulla nunha man e unha pinga de sangue no índice da outra, a miña nai abaixouse asustada.
-Ai, Amaliña, usa as agullas con tento, meu amor!
E mentres se encrequenaba agarimosa para sandar cun bico de nai a ferida do dedo sen querer pisou o retallo de tela encarnada que caíra esquecido aos meus pés.

segunda-feira, 23 de julho de 2007

Convalecencias

Raimundo e eu eramos tan amigos, tan inseparables, que non había doenza que non pasaramos xuntos. Contaxámonos as papeiras, a varicela e o sarampelo e, por suposto, apañabamos calquer virus da gripe que planase sobre as nosas cabezas. Nunha desas convalecencias, soíños como estabamos cadaquén na súa casa, a miña nai resolveu instalar a Raimundo na cama xemelga á miña. Calquera diría que o rapaz estaba doente cando entrou pola porta do meu cuarto no colo do seu pai, envurullado nunha bata grosa e cun sorriso no que non lle cabían máis dentes.
-Ai, Celia, non sabe o apuro que me da vir a traerlle máis traballo...-empezou o pai de Raimundo mentres o acochaba na cama.
-Saque de aí, ho. Se soubera o choio que me aforra por non ter que escoitar a esta a queixarse do que se aburre! Eu estou encantada, Braulio –díxolle ela mentres o outro sorría tímido como se lle tivesen feito un aloumiño.
O de que me aburría era una trola da miña nai, que ben entretida estaba eu cuns cadernos de colorear que me trouxera a tía Teté, pero é ben certo que agradecín aquela aventura estraña que só nos podía ter pasado a nós. Os pais de ningún outro neno deixarían que lles levasen o fillo enfermo da casa, pero o pai de Raimundo non andaba con melindres e sabía que un fogar sen nai como o seu non era o mellor sitio para un cativo doente.
-Eu llo agradezo moito, Celia, porque xa sabe que eu ando sempre ás carreiras e as miñas fillas son novas demais para tomar conta de Raimundo todo o día. E agora marcho que teño que ir cambiar unhas lámpadas nas aulas dos pequechos, que quedaron sen luz.
Raimundo e eu seguiamos a conversa en silencio dende as nosas camas ao tempo que cruzabamos ollares falangueiros e sorrisos cheos de impaciencia e inxenua emoción. Contabamos con que nos deixasen sós a tarde toda para poder rebuscar nos armarios, dar chimpos na cama e facer daquel cuarto un patio de colexio, pero axiña marcharon as nosas arelas polo sumidoiro.
-Agarde un cachiño, Braulio –dixo a miña nai dun xeito que entón me pareceu só raro, pero que agora... non sabería eu dicir- Axúdeme antes a prepararlles a merenda a estes e convídoo a un café.
-Por Dios, Celia. Axúdoa no que precise. Só faltaría...
E alí marcharon os dous á cociña. Voltaron uns minutos despois e xa non se moveron máis no resto da tarde. O pai de Raimundo, que tiña tanta présa, foi poñendo un manteliño con enfeites de gancho na mesa do braseiro ao tempo que a miña nai traíanos a nós cadansúa cunquiña de chocolate con biscoitos. Mentres nós relambiábamosnos na cama, eles mollaban galletas no café con leite e comezaban unha conversa parva que non son quen de reproducir, pero que estaba zarrapicada de gabanzas, rubores e babecadas. Sorprendinme entón de que o pai de Raimundo non fose ao final así tan calado como eu cría e recordo que reneguei de facerme muller ao ver a miña nai, que parecía panoca cada vez que Braulio lle dirixía unha louvanza.
-O meu non é nada, moito máis difícil é ser pai de familia- dicíalle ela cando o outro gababa o seu traballo na mercería polas mañás e o resto do tempo na casa e a atención que nos daba ao meu pai e a min- Ser muller sempre foi máis fácil- engadía a moi parva.
E parecía que aquel falar melindroso dela animaba ao pai de Raimundo a seguir dalle que dalle. Cando parecía que non había máis que louvar comezou con aquel mantel de labor de gancho, sobre o que eles merendaran, como se fose o traballo do máis fino ourive.
-E esa volta e reviravolta que fai aí o fío? Para iso hai que ter mans como pombas. Así como as súas, Celia –díxolle feito un poeta e quedouse mirando ás mans con tanta cobiza que nen sentiu o tintilar das chaves na porta.
Cando viu entrar ao meu pai no cuarto o pobre do home atrapallouse tanto que calquera diría que viña de roubarlle a facenda.
-Ai, Benigno, que sorpr... Bo, sorpresa non. Pero é que o cativo anda medio... E non digo que Celia non o coid... O caso é que...
-Bueno, ho, qué me vas contar a min? –salvouno o meu pai- Que teño un limoeiro aí que non acaba de tirar p’arriba e anda murcho como unha noiva despeitada.
Mentres o meu pai deixaba caer un bico, como unha froita doce, na fronte da miña nai, o pai de Raimundo púxose en pé, vestiu o chaqueta atordado ainda e comezou a buscar a bata onde trouxera envolto ao seu fillo.
-Non, non, iso si que non, Braulio. A onde vai levar o neno a estas horas- protestou deseguida a miña nai- Raimundo queda aquí e mañá, segundo como esté, xa veremos se volve ou non volve para a casa.
O pai de Raimundo puxo cara de botarlle un piropo esmorecido, pero mirou de esguello ao meu pai e calou. Deulle un bico e unha aperta doce a Raimundo, levantou as lapelas da chaqueta e esvaeceuse nos escasos cen metros de escuridade que separaban a porta da nosa casa do portal do colexio, que gardaba a vivenda da conserxería.
Raimundo e eu ceamos na cama e a miña nai deixounos ainda un cacho coa luz acendida, pero aquela tarde deixáranos un gosto estraño na lingua e case nen falamos. Antes de apagar a luz, un pouco por convencemento e outro por non seguir calada, propúxenlle a Raimundo unha cousa. Faltoulle tempo para dicir que si.
Cando quedamos ás escuras, os dous á vez, collidos da man, prometimos non facernos maiores nunca.

terça-feira, 8 de maio de 2007

Raimundo

Raimundo non era o meu príncipe; Raimundo era a miña rá. Cando nun cantiño dalgún caderno debuxaba eu un corazón sen que ninguén me vise, o nome que poñía dentro xunto co meu non era Raimundo, senón Eduardo, que era un rapaz alto e loiriño da nosa clase que ía sempre moi limpo e moi ben vestido. Pero para todo o resto chamaba a Raimundo.
Raimundo era cativo de corpo, tiña a pel morenocha de estar o día todo na rúa e andaba sempre coa roupa porca e desleixada. A miña nai queixábase seguido do monte de camisas, saias e pantalóns que tiña para pasar o ferro, pero logo rifábame se quería poñer un vestido engurrado. A nai de Raimundo non chegou a queixarse. Marchou cando el tiña tres ou catro anos e deixouno co seu pai e as catro irmás maiores naquela casa de dous andares xunto o colexio, onde o pai era conserxe. Non sei se Raimundo sofreu moito entón -nós eramos cativos de máis para falar desas cousas-, pero aquela desgracia tan grande -que dicía a miña nai- fíxonos a nolos dous donos dun mundo enorme que ningún neno sería quen de soñar. Polas mañás, ao saír do colexio e cando o pai ainda estaba traballando e as irmás no instituto, nós campabamos por aquela casa como se fose un castelo abandonado –e un pouco si que era-: abriamos caixóns, rubiamos polos mobles, saltabamos nas camas desfeitas e Raimundo poñíase todo fachendoso cando lle daba o botón do lavalouzas despois de meter os pratos do almorzo porque sabía que a miña nai non me deixaba facer cousas de grandes. Pero eu non lle tiña envexa ningunha; máis ben dábame un chisco de mágoa por el, pero iso nunca llo dixen.
O que si podería darme envexa, grande grande, era que pola tarde, cando marchaban todos os nenos para casa, o colexio enteiro era de Raimundo. Pero non me daba, porque Raimundo facía que o colexio enteiro fose para nós. Tiñabamos o patio, que no recreo da mañá parecíanos tan pequecho, feito un campo enorme de xogos onde Raimundo daba voltas e voltas nunha bicicleta case tan alta coma el mentras eu miraba, como se estivese no circo, e aplaudía. Logo entrabamos por unha das ventás da aula de parvulitos, que a señora da limpeza deixaba abertas para que secase o chan, e faciamos un milleiro de cousas que...
Pero non vou contalas agora. Hoxe só quería falar un bocadiño de Raimundo e quería contar tamén unha cousa das moitas que me ensinou. A primeira cousa ben importante que aprendín antes de cumprir dez anos. Quería contala hoxe, pero isto xa vai longo de máis.
Cóntoa mellor mañá.