terça-feira, 8 de maio de 2007

Raimundo

Raimundo non era o meu príncipe; Raimundo era a miña rá. Cando nun cantiño dalgún caderno debuxaba eu un corazón sen que ninguén me vise, o nome que poñía dentro xunto co meu non era Raimundo, senón Eduardo, que era un rapaz alto e loiriño da nosa clase que ía sempre moi limpo e moi ben vestido. Pero para todo o resto chamaba a Raimundo.
Raimundo era cativo de corpo, tiña a pel morenocha de estar o día todo na rúa e andaba sempre coa roupa porca e desleixada. A miña nai queixábase seguido do monte de camisas, saias e pantalóns que tiña para pasar o ferro, pero logo rifábame se quería poñer un vestido engurrado. A nai de Raimundo non chegou a queixarse. Marchou cando el tiña tres ou catro anos e deixouno co seu pai e as catro irmás maiores naquela casa de dous andares xunto o colexio, onde o pai era conserxe. Non sei se Raimundo sofreu moito entón -nós eramos cativos de máis para falar desas cousas-, pero aquela desgracia tan grande -que dicía a miña nai- fíxonos a nolos dous donos dun mundo enorme que ningún neno sería quen de soñar. Polas mañás, ao saír do colexio e cando o pai ainda estaba traballando e as irmás no instituto, nós campabamos por aquela casa como se fose un castelo abandonado –e un pouco si que era-: abriamos caixóns, rubiamos polos mobles, saltabamos nas camas desfeitas e Raimundo poñíase todo fachendoso cando lle daba o botón do lavalouzas despois de meter os pratos do almorzo porque sabía que a miña nai non me deixaba facer cousas de grandes. Pero eu non lle tiña envexa ningunha; máis ben dábame un chisco de mágoa por el, pero iso nunca llo dixen.
O que si podería darme envexa, grande grande, era que pola tarde, cando marchaban todos os nenos para casa, o colexio enteiro era de Raimundo. Pero non me daba, porque Raimundo facía que o colexio enteiro fose para nós. Tiñabamos o patio, que no recreo da mañá parecíanos tan pequecho, feito un campo enorme de xogos onde Raimundo daba voltas e voltas nunha bicicleta case tan alta coma el mentras eu miraba, como se estivese no circo, e aplaudía. Logo entrabamos por unha das ventás da aula de parvulitos, que a señora da limpeza deixaba abertas para que secase o chan, e faciamos un milleiro de cousas que...
Pero non vou contalas agora. Hoxe só quería falar un bocadiño de Raimundo e quería contar tamén unha cousa das moitas que me ensinou. A primeira cousa ben importante que aprendín antes de cumprir dez anos. Quería contala hoxe, pero isto xa vai longo de máis.
Cóntoa mellor mañá.

Sem comentários: