Mostrar mensagens com a etiqueta Cousas da aldea. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Cousas da aldea. Mostrar todas as mensagens

sábado, 16 de agosto de 2008

Antonieta (e VII)

Despois de Isaura aínda tiveron que pasar tres ou catro veciños máis, algún mesmo dos contornos, ata que Tomás acabou diante da Roxa. Tomás -o que sería despois o meu avó Tomás- era daquela un mozo de vintecinco anos calado e guapetón, según contan, que coñecía á Roxa de toda a vida, pero que, máis alá do saúdo, non cruzara con ela máis de tres ou catro frases longas en todos aqueles anos.
Se acabou desvelándolle o seu desacougo, foi porque un día que chegou ata esa altura, levado polo enxame nervioso que tiña aniñado dende había días no estómago, viu á vella sentada á porta da súa casa, ao sol da mañá, mentras a cabra branca remoía o almorzo de herba fresca e a gata negra lambía ás patas dilixente, como quen fai piadosas ablucións.
Sabía dos contos que se contaban na aldea dende había meses, do escarnio que fixeran algúns veciños daquela vella que tiñan por tola e mala cristiá e da impiedade que había quen lle atribuía por non ter mudado aquel seu xeito de vivir nin ter disolto a caterva dexenerada que constituía o seu fogar. Ver por fin o retrato daquela infamia sentado plácidamente ao sol fíxolle acougar a comechón que estaba a sentir por dentro e decidiuno a saudar a aquela vella, na que un día bailaron as pencas e o pelo roxo:
-Bo día, señora Encarnación, acórdase de min?
A vella, que ata entón tiña os ollos baixos para protexelos do sol, fixo viseira coa man e púxose a examinar ao rapaz da cabeza aos pés a espera de que el mesmo lle dese a resposta.
-Son Tomás, o fillo máis novo de Sara Verdura -a vella seguía a mirar, calada-. Sara... das Raposas da Fonte Vella...
-A filla de Manuel o Mixirico?
-A filla non, a sobriña... A miña nai é filla da irmá do Mixirico, de Adelina.
-Ah... A túa nai foi a que casou con Tomás o de Cotobade...
-Si, con Tomás, eu chámome como o meu pai, si.
-Así que ti es o Tomás máis novo...-dixo a vella cun ollar de súpeto brincallón, pero de seguido pareceu perder o interese.
O rapaz aproveitou esa licenza que lle daban os ollos perdidos da vella para deixar vagar os seus por aqueles poucos metros de herba que facían de felpudo e nos que só se levantaban un limoeiro coas pólas cargadas de froitos ata rozar o chan e unha maceira florecida. Avanzou dun lado a outro sen saber moi ben por onde pisar e cando os seus pés ían de volta cara á vella, encrequenouse a dúas zancadas da gata e estendeu cara ela a man. O animal, que seguía a lamber as patas, deixou de súpeto o seu aseo e, igual que unha bailarina coqueta, avanzou como quen anda nas puntas dos pés ata rozar a meixela co dorso da man que lle ofrecían, e despois todo o costado ata o rabo.
-Caramba! Gustácheslle, rapaz! -dixo a vella recuperando o interese.
-Vai ser que notou que o necesito...-replicou o rapaz, e a comechón volvou a facerlle encoller o corpo.
A vella mirouno cun sorriso tenro mentras Tomás seguía cos ollos baixos, postos na gata.
-Un nunca ten o que necesita, neno. -dixo seria de novo- Méteo xa na cabeza para que non teñas que aprendelo de vello.
-Bueno...-ía retrucar o rapaz, pero como se non o oíse a Roxa seguiu co seu.
-...e cando o ten, sempre haberá quen o critique por isto ou por aquilo ou... sabe Deus por qué!
-Pero tanto ten que o critiquen a un se fai o que lle enche, non é? -replicou Tomás levantando os ollos resolto.
-Ai, meu rei! Pero cantos anos tes ti? Cómo que tanto ten? Ten, claro que ten. Coa xente de costas non se pode vivir...
Co beizo preso entre os dentes por causa daquel ataque aos seus poucos anos, Tomás tentou calar pero non puido.
-Mais vostede vive e non se preocupa da xente. Non se pode facer así ou que?
A vella soltou entón unha gargallada e continuou a falar cun sorriso na boca.
-A min xa tanto me ten, para algo son vella. Pero na vida fanna a unha ir polo carreiro... -e, despois de dubidar un segundo, aventurouse- Mira unha cousa. Ti coñeces a Carmiña, a viúva de Isidoro, dos da casa dos panadeiros?
Ao escoitar aquel nome, Tomás cravou os ollos nos da vella e a cor encarnada das súas fazulas comezou a estendérselle polo nariz, o queixo e a fronte como se lle estivese a ferver o sangue detrás da pel. A Roxa, compasiva, baixou entón os ollos cara a gata e seguiu a falar.
-Igual non a coñeces porque non é do teu tempo. Debe de ser un pouco máis nova ca túa nai... O caso é que Carmen, que sempre foi boa moza e alegre coma unha cabuxa, din agora que anda cun rapaz que non debe de ter máis anos ca ti. O home de Carmen morreu vai xa para catro anos e ela parece que non se conformou con pasar o resto da vida soa. Agora ten un sorriso parvo da mañá a noite e anda na boca de toda a xente por máis que pense que ninguén sabe do caso. E ti que cres que vai pasar?
-O que ela queira que pase -apurou a responder Tomás, revoltado, pero ao instante sosegou- Non... non sei o que vai pasar... -tivo que recoñecer.
-Pois xa cho digo eu, rapaz. Eu non sei a que andan, pero non lles dou máis que ata San Martiño. E xa me parece moito dar...
Tomás pareceu picado otra vez por aquela desconfianza, pero non puido máis que fincar os dentes no beizo de novo e, agora si, calar.
-O ruxerruxe vaille quitar as ganas de festa a el e vai acabar en traxedia para ela, que terá que volver a súa vida coa cabeza baixa e facerse vella de misa en misa e de rosario en rosario- continuou a Roxa mentras esculcaba o rostro do rapaz por verlle o xesto.
Tomás pasaba da anguria a rabia e parecía non resolverse por ningunha delas. Ao final, dando unha pancada no ar que fixo fuxir a gata, deixou de pelexar por dentro.
-Que han de facer, entón? Diga... -dixo cun suspiro ruidoso.
-Pois que vai ser? -enfrentouno a vella cun chisco de malicia nos ollos- Acabar con ese conto xa! Ela ten anos dabondo para tirar para diante co que lle tocou na vida e el ainda non os ten como para non poder esquecer un amor con outro en dúas ou tres foliadas.
Non sei ben que esperaba escoitar o meu avó Tomás, pero parece que aquelas palabras, claras e frías como auga de manancial, sentiunas el como un golpe traizoeiro.
Estaba de pé a tres metros longos da vella e, sen apenas moverse, todo o corpo se lle puso ríxido coma se estive presentando armas ante un xeneral. Só un leve tremer do queixo e unha pinga que baixaba amodiño pola súa fazula daban movemento o seu xesto de soldado.
-Iso é mentira, señora- dixo ao fin con voz limpa e segura, como un crente que proclama a súa fe.
A Roxa mirouno conmovida dende o seu asento e non puido seguir apertando aquel corazón dorido.
-Ogallá sexa mentira, rapaz... -e resistíndose a brandura ainda engadiu- Pero se eles non queren, non te han deixar ser feliz.
Tomás xa estaba dando a volta antes de que a vella terminara de falar. Avanzou dous pasos cara a cancela, botou unha ollada á cabra branca e á gata negra, que sesteaban xa debaixo da maceira, e xirando a cabeza en dirección á vella dixo:
-Sen ela ao meu lado, non hei de selo nunca- e dándolle de novo ás costas levantou a man por toda despedida.

Os meus avós casaron o 11 de novembro daquel ano, día de San Martiño. El viña de cumprir 26 anos e ela fixo 39 ás dúas semanas da voda. Á avoa Carmen dábana todos por vella para ser nai, pero ainda foi quen de parir tres fillos, dous deles no mesmo parto: Sara -a miña nai-, Xaquín e Ana. Non sei o que tiveron que pasar antes de que eu nacera -de vellos só se compracían en contar, quitándose a palabra un ao outro, a historia que eu rematei xusto agora-, pero dou fe de que eu sempre os vin felices, moi felices, diría máis ben.

segunda-feira, 5 de maio de 2008

Antonieta (VI)

Desconfiou cando viu abrirse moi amodo a porta e entrar a Berenguela con dous cativos que xa non o eran tanto, pero persoa ningunha. Asustouse ata e deixou as patacas que estaba a mondar -o coitelo amarrouno máis forte na man- para dirixirse á porta, sen ter decidido ainda se pechala de golpe e trancala ou abrila de todo para encarar ao intruso.
Faltábanlle ainda un par de pasos ata o limiar cando una voceciña de muller espantada fíxoa vaciar os pulmóns con alivio.
-¿Encarnación...? Encarnación, son...
Antes de que se oíse ningún nome, Encarnación asomouse á porta e viu a Isaura, a muller de Ernesto o carpinteiro, de pé na súa fronte, cos ollos baixos, as meixelas encarnadas e a cabeza virada cara o lado, como unha nena chea de vergoña.
Encarnación desistira dende había meses de entender á xente que coñecía de toda a vida e, aínda que Isaura lle retirara a fala moito antes que o seu home -que nunca deixou de saudala-, a vella abriu de todo a porta como unha anfitriona hospitalaria e, malia non sorrir, saudou case cortés:
-Bo día, Isaura -dixo facendo que a outra levantase por fin os ollos-; de tanto tempo sen coincidirmos xa nin te coñecía.
O saúdo fixo acender inda máis a face da muller do carpinteiro que, aínda así deu un paso cara dentro da casa, ao tempo que a Roxa recuaba.
-É que con estes días tan bos... -dubidou a muller- ...deume por tirar un pouco cara o monte. Así facía cando era moza... Faciamos todas, recordas?
A Roxa concordou a medias. Aceitou que as mañás eran doces e amarelas e que parecía que o airiño tenro, o chiar dos paxaros e o voar nas puntas dos pés das bolboretas andaban a chamar por unha, pero dos anos mozos, cando ese mesmo rebulir da terra facíalle a ela tremer o corpo, fixo como quen non recorda.
-Si, muller, lembro como se fose hoxe cando Felisiña e eu viñamos chamar por ti en canto o sol comezaba a quentar e pasabamos a mañá a brincar de penedo en penedo como cabuxas. E recordas os veráns?
Isaura falaba cun sorriso no bico e con ollos escintilantes de muller nova e parecía non decatarse da íncomoda posición das dúas, alí de pé a carón da porta, sen acabar de entrar nin querendo saír.
-Recordas a Lucía, a sobriña do señor cura? Recordas o seu cabelo longo e trenzado? Recordas o verán que chegou feita unha muller cando nós nin peitos tiñamos?
A Roxa recordar recordaba ainda que non tanto como parecía ter gravado Isaura.
-Dígocho agora que as dous somos vellas, Encarnación, pero como aquel tempo non pasei ningún na miña vida. Devecía por que chegase a hora daquel paseo e eu, que andaba sempre coa mesma roupa basta, coma ti, imaxinaba cada mañá qué blusiña fina cinguiría o talle daquela rapaza e de qué cor sería a saia que cubriría aquelas coxas que se volveran redondas e suaves como ondas do mar dun ano para outro -dixo case de corrido, como se as palabras desbordasen despois de anos encoradas-; as imaxinaba suaves, si, redondas e suaves, mentres pasaba as mans polas miñas pernas fracas e polo meu corpo de cativa, que nunca acabou de florecer como o de ela.
A Roxa comezara a escoitar a Isaura como se lle estivese a contar unha historia nova e asentiu cando a muller volveu preguntar se recordaba só para que seguise falando.
-O primeiro verán que non viu non sabería dicir qué me pasou nin por qué, pero estaba como desganada, triste, como se me roubaran un soño e me deixasen só esta vida miserenta que ata entón era só a vida do inverno, do frío e da chuvia -continuou case afogada-; a oposta á vida do verán, que comezaba a xermolar coa quentura de maio e acababa de rebentar en xullo cando polo camiño grande chegaba aquel auto grande e negro que traía a nena Lucía como se fose unha pérola dentro dunha ostra.
Isaura calou uns segundos, co ollar cravado máis alá da Roxa, moito máis alá, como quen mira alonxarse alguén por un camiño e facerse cativo aos poucos ata desaparecer. Cando non lle quedou máis que avistar, volveu os ollos cara o cuarto e levantou os hombros como se sentise un proído nas costas.
-Cousas de rapaces, Encarnación, cousas de rapaces... -dixo cunha luz húmida nos ollos-. Despois xa non che queda tempo de pensar se a vida é bonita ou fea: casas, traballas o campo, crías aos fillos... E un día acabas así, como nós as dúas, vella sen case decatarte.
-Vella serás ti -soltou a Roxa nun arrouto que acompañou dunha gargallada- Vellos son os trapos. Eu son só maior, muller.
E a outra pareceu volver de vez a aquela terra e recuperar o ánimo e medio sorriso.
-É verdade, muller. Só maiores... -engadiu querendo sorrir de todo- Pero xa non che enredo máis que o meu home non sabe que subín ata aquí e debe de andar á miña procura.
A Roxa acompañouna ata a porta e volveu ás súas patacas, pero na entrada da casa Isaura aínda se detivo un anaco a encher o corpo daquel airiño verde do monte. Ao pouco volveu aparecer Berenguela, desta vez a enredarse nas patas de Antonieta, e mentres a muller do carpinteiro ollaba aquel aloumiño inocente das dúas femias sentiu de novo un proído no corpo que non conseguiu tirar ata que, media hora máis tarde, chegou ao obradoiro do seu home e contoulle unha media verdade para explicar o seu atraso.

quarta-feira, 2 de abril de 2008

Antonieta (V)

Había xa tantos meses que ninguén asomaba o pé por aquela casa que A Roxa dubidou primeiro de que os golpes fosen de verdade na porta. “Será o vento...”, pensou esaxerando a natureza daquel airiño de primavera que bailaba fóra; pero o latexo axitado que comezaba a sentir no corazón dicíalle que non era. Confirmoullo un golpe máis contra a madeira e a voz grave e masculina de alguén que coñecía o seu nome.
-Señora Encarnación! Por onde anda?- dixo con fala firme o visitante, que xa vira o fío de fume a serpear sobre o tellado mentres subía polo camiño empinado cara a casa.
-Vou! Vou! –berrou ela para darse tempo a encaixar aquela voz, que non lle soaba nova, nalgún dos rostros da xente da aldea- Non teñas tanta présa, ho!
Cando abriu a porta tardou ainda un bocado en recoñecer a Román, o home de Mariquiña a tendeira. Nunca deixara de subir ata a casa a levarlle os sacos de millo para as galiñas, pero dende había uns meses pousaba a mercadoría no chan e marchaba camiño abaixo antes de que A Roxa tivese tempo de chegar á porta. Román, ao que nunca vía nas súas curtas saídas á aldea, tiña agora unha barba mesta e levaba unha pucha que lle caía sobre os ollos, e xa non parecía aquel homiño ben mandado que ía e viña segundo o gusto da muller. Agora non parecía un homiño, parecía un home, e ese cambio -ou quizais a alegría de ver alguén á porta- fixo á Roxa mudar o seu bico apretado por un sorriso.
-A ver, muller, que lle traio aquí unha presada de sementes de flores para que lle poña un poco de cor á finca.
-Saca de aí, Román, que xa sabes que non se me dan as flores- dixo como único saúdo mentres se apartaba da porta para que o outro puidera meter o saco de millo que deixara no chan; pero como se tivese medo de perder a ocasión engadiu de seguido:
-A ver, trae pa’quí. Seguro que son desas de xardín, das que morren nada máis asomar unha folla aquí no monte...
-Que non, muller, que son margaridas e varas desas que crecen con só miralas. E tamén lle trouxen desas campaíñas que lles chaman fucsias, que son duras como ferrotes. Pero non son de balde, eh!
E antes de que a vella puidese traducir en palabras o xesto contrariado e mesquiño que se lle estaba a poñer, Román clarexou o prezo.
-Veño aterecido e por menos dunha cunca de leite ou de café ou, como pouco, dun chato de viño non lle deixo isto- e mentres sentaba xunto a lareira sacou do peto un saquiño cheo e ben atado que pousou na mesa.
A vella quentoulle axiña o leite cun chorriño de café e, ao tempo que cunha man llo pousaba enriba da mesa, coa outra gardou as sementes na faltriqueira. Román, que baixara a cabeza como se mirase ao chan, non deixou en verdade de ollar divertido cara A Roxa, e co ollo posto nela seguiu mentres falaba:
-Moi agradecido, muller, ainda que o servizo ben o vale, sobre todo agora que, dende que anda con esa recua de bichos, déuselle por non falarse con case ninguén...
Deixou a frase no ar, como quen confía no efecto dun veleno, pero agardou en balde. A vella, que comezara a buscarlle acomodo, para pasar o tempo, a unha morea de troncos que tiña xunto aos pés, suspendeu de súpeto o seu trafego como se sentise a picada dun tabán, abriu moito os ollos, que parecían querer saír das órbitas, e crispou os beizos ata facer tremer o queixo de carraxe. Pero dicir, non dixo nada.
Un momento despois sacudiu a cabeza, colleu de novo o madeiro que acababa de pousar xunto ao lume e, desnortada, restituino á morea de onde viña de apañalo como se fose una moneca á que lle volven dar corda.
-Ben é certo que aquí somoslle todos medio revirados -continuou Román.
E, como se aprobase co xesto, a vella, que seguía atarefada coa leña, comezou a menear a cabeza de arriba abaixo mentres pensaba en Mariquiña a tendeira.
-Que llo digan a miña muller, se non -seguiu como se non reparase en que A Roxa levantaba os ollos estrañada-Que me digan a min o tempo que tardei en casar con ela...
E, despois de que a vella sentase á mesa como hipnotizada, o tendeiro comezou a recordar aquela pequena casiña ben metida no monte na que vivía Mariquiña co seu pai, viúvo e sen máis oficio que botar catro patacas. E A Roxa tamén recordou.
Román pasara tempo e tempo facéndolle ás beiras a Mariquiña, pero o seu pai, que ademáis da tenda tiña terras por todo o contorno, pensaba máis ben que era a rapaza, moito máis desperta que o seu fillo, a que andaba a metérselle polos ollos e xa se imaxinaba comendo o domingo con aquel lacazán que pretendía ser seu consogro. O pai de Román berrou, a nai chorou, o cura díxolle cousas na confesión, pero el nada, que tiña que ser aquela rapaza -pequena, seria e miserenta- ou ningunha.
-E ao final foi, señora Encarnación, ao final foi -concluiu Román, e cun ton entre queixoso e cómico engadiu:
-E ainda o que tivo que escoitar a miña pobre Mariquiña depois. E o que tivo que calar... Que é peor. Fíxose dura coma un ferrote.
-É verdade, Román, menuda se organizara daquela... -concordou ela cun sonriso aliviado, como se acabase de tirar unha pedra de dentro do peito- Moito cambiou, si señor. Moito cambiou en todos estes anos...
Despois daquel día, Román volveu facerlle visitas seguido, como sempre fixera, e a vella afíxose de novo a que tres ou catro veces ao mes, despois de facer a encomenda na tenda, chamasen a súa porta, onde sempre rondaban dous ou tres dos cativos de Antonieta e Berenguela para dar a benvida.
Unha mañá cando, despois dos golpes, gritou “Pasa, ho, que está aberta” descubriu, porén, que o visitante non era Román.

domingo, 24 de fevereiro de 2008

Antonieta (IV)

Pasados uns minutos, non lle quedaba unha pinga salgada no lacrimal. Respirou fondo unha, dúas, tres veces como se despois dos ollos precisase limpar tamén os pulmóns e con eles cheos empezou a berrar como se bease:
-Antonieeetaaa! Antonieeetaaaa!
Unha, dúas, tres cabezadas contra a porta trancada déronlle a réplica e fixérona saír de vez dese abatimento que ainda loitaba por atrapala. “Estás parva, Encarnación!”, dixo en voz alta mentres se daba unha lapada na fazula. De seguido levantouse do banco no que estaba, destrancou a porta e, sen abrila, voltou ao mesmo asento.
-Antonieeeetaaaaa!
Dunha cuarta cabezada, a cabra abriu por fin a porta e con ela entraron a gata e os gatiños e asomou o fociño Falconetti, que sabía que o interior da casa era terreo vedado.
Os animais, tamén os cativos, quedaron estrañamente quedos a tres metros da vella, como se Encarnación fose un ser fabuloso e superior que lles fose descubrir un misterio. Ela porén foi mirándoos un a un coa cabeza baixa, humilde, e só cando atopou os ollos de Antonieta, que volvían ter o brillo de sempre, comezou a sentirse tamén ela confiada. Relaxou un pouco os beizos, que ata entón tiña apertados, ata formar case un sorriso, e ao tempo que daba unha pancada sobre a perna esquerda, dixo como unha domadora de feras:
-Arriba, morena!
Como se fose un xesto vello e cotidiano, a gata deu dous chimpos moles no chan e, ao terceiro, colocouse sobre o muslo da Roxa, que pousou entón unha man no lombo do animal. Ao tempo que a gata arqueaba o corpo e rosmaba como se sentise un arrepío doce, Encarnación mirou a pelaxe negra que brillaba entre os seus dedos, mirou máis alá o ollar atento e de novo familiar de Antonieta, mirou ao seu carón o tímido xogo que argallaban xa os gatiños e, sen saber como, comezou a sentir de novo humidade nos ollos, que cría xa secos. Asustada por aquel melindre e pola picada que comezaba a abrirlle o peito, a vella deuse otra lapada no rostro e, esquecendo o seu silencio dorido das últimas semanas, falou de novo:
-A ver, muller. Xa é tempo de poñerte un nome, digo eu –dixo ante o ollar atento do animal, que seguía a rosmar compracido- E un nome de categoría, que ninguén armou tanto rebumbio nesta aldea dende hai... buf... Nin sei.
Non pasou máis dun minuto ata que un nome comezou a repinicarlle na cabeza como un badalo.
-Xa está, muller, xa está! Berenguela! Berenguela, como a da catedral! Claro! –e soltando un pouco máis de corda a aquela inspiración dixo máis amodo, como si soletrase- E os cativos... do máis negro ao máis claro... Dan, Den, Din, Don e Dun. Si, señor!– E soltou unha gargallada clara como a auga do río.
A partir daquel día, o que antes era unha procesión de escarnio volveuse para a vella un desfile luminoso, e, lonxe de castigar aos seus veciños con ollares doridos e silencios envergoñados, regaláballes todas as mañás sorrisos abertos de avoa orgullosa e saúdos cantareiros que os outros non podían menos que respostar cun bo día curto, seco e case ofendido, pero bo día ao fin.
A aldea seguía a murmurar ás súas costas e a ollar con escándalo os aloumiños de Antonieta e Berenguela -a Roxa sabíao ben-, pero ninguén era quen de facerlle un reproche nin mencionarlle á súa nova familia, ainda que tampouco de falarlle de cousa ningunha máis alá do precio do millo e das sementes ou da data de pagar a contribución.
Resignada, ainda que contenta, a Roxa gardaba as súas ganas de falar para os seus animais e, como viña facendo dende había anos, parolaba horas e horas diante do agora numeroso auditorio.
Nunha desas estaba unha mañá, a explicarlle a Antonieta, a Berenguela e aos cativos como se facía un potaxe de vixilia, cando tres golpes na porta inundaron de silencio a casa.

segunda-feira, 14 de janeiro de 2008

Antonieta (III)

Se nos setenta e tantos anos que A Roxa levaba pisando a terra da aldea ninguén foi quen de facerlle un reproche máis alá de menear a cabeza ao ver a aquel porco repoludo ou asomar un sorriso cando sorprendía algunha parrafada cos animais, o de Antonieta e a gata foi demasiado para Boiniña. Ninguén sabería dicir se o escándalo viña por aquela estraña mistura de especies, se por que se xuntase unha gata nova e negra cunha cabra vella e branca ou, simplemente, porque á xente queimáballe por dentro a imaxe de dúas femias a frotar os corpos polas leiras, pero o certo é que nin a propia Roxa ousou poñerlle nome a aquela gata e, por un tempo, fixo como se Antonieta tampouco estivese bautizada.
Renegar das bichas non lle serviu, porén, porque en canto a gata pariu e os fillos puideron saír da toba, cada vez que A Roxa poñía un pé fóra da casa formábase unha procesión ás súas costas que acabou de espantar á aldea. Presidía Antonieta por ser a máis vella daquel matriarcado; camiñaban a seguir cinco gatiños, mistura de branco e negro en variadas proporcións, que tentaban cada pouco romper a formación por causa dunha bolboreta que lle bailaba a un no fuciño ou dunha herba á beira do camiño que provocaba a outra co seu tremer; e pechaba a gata negra, que pasaba o tempo todo correxindo a traxectoria dos cativos desnortados e devolvéndoos cunha dentada amorosa na caluga aos seus postos na ringleira.
Impotente diante daquel espectáculo, a Roxa facía como que non ía con ela e camiñaba co ollar ao frente sen prestar orellas ao bear e ao miañar que marcaba os seus pasos, pero de seguido atopaba a alguén que lle recordaba, sen atreverse a nomealo, o que levaba ás costas.
-Señora Encarnación, por el amor de Dios... –díxolle enrugando a boca Ernesto, o carpinteiro, cando pasou pola porta do seu obradoiro de camiño á tenda- Eu xa non teño idade para ver tolerías e vostede ainda menos para facelas. Saque de aí, por Dios- e baixando os ollos comezou a sacar labras dun delgado listón de madeira ata case consumilo.
A Roxa calou e seguiu coa cabeza alta, pero no traxecto ata a de Mariquiña, a tendeira, foi deixando caer os ollos sen querer ao tempo que os tres veciños cos que se cruzou tornaban o seu sorriso de bo día nun ollar fuxidío e envergoñado en canto vían asomar detrás da vella aquela tropa animal.
-Dame cen gramos de levadura, medio quilo de café e un cuartillo de aceite e que me leven despois á casa un saco de millo para as galiñas- dixo nada máis entrar na tenda para evitar as lerias de Mariquiña, pero axiña viu que a muller non estaba faladora e non facía máis que mirar cara a porta, onde quedaran agardando como cans ben mandados a cabra, a gata e os seus fillos.
Á tendeira comezoulle a subir a cor ás meixelas e cando por fin falou tiña encarnada ata a punta do nariz.
-Deixe, Encarnación, que xa lle mando todo o pedido polo meu home...
-Diso nada, que necesito a levadura e o aceite para facer un bolo– protestou a vella.
-Marche xa, que llo leva axiña, muller.
-Queresme dar iso dunha vez, que non teño todo o día- dixo molesta.
-Pois non veña con ese circo! –reventou por fin a outra sen deixa de mirar cara a porta-Que esto é unha casa decente...
A que empezou a acenderse entón foi a Roxa, pero non de vergoña, senón de carraxe.
-Pero que parvadas dis, rapaza? Que circo nin circo? –dixo cos ollos moi abertos e apretando os dentes.
Chorromicando, Mariquiña comezou a pesarlle a levadura.
-Ata o dixo o cura o outro día na misa, Encarnación. Que o que ten montado usté na casa con eses animais é contranatura.
A Roxa non entendeu ben aquela palabra, pero si o que o cura e Mariquiña querían dicir.
-Que me leven todo a casa!- foi o único que engadiu, ademáis dunha sorte de orneo que Mariquiña non soubo facer casar con ningunha palabra cristiana.
-É que están por chegar os nenos do colexio, Encarnación! –tentou desculparse a tendeira mentras a Roxa saía pola porta.
E cando a outra xa non podía oír, ainda murmurou:
-Léveos axiña. Corra!
O camiño de volta a casa fixérono nun santiamén e os animais tiveron que andar ao trote para seguir o paso apurado daquela vella, que ao chegar a cancela da finca lles sacaba máis de cinco metros.
A Roxa entrou na casa cega e xorda, allea aos ladridos de Siño, que chimpaba na herba para chamar a súa atención, e á benvida de Falconetti, que botara a correr cara a ela dende o cortello coas súas patas raquíticas e torpes. Cando o porco chegou afogado á entrada da finca, a Roxa xa desaparecera no interior da casa e fóra quedaba só unha mistura de beos, ladridos e miaños que parecía petar na porta a chamar pola ama.
Ela non oía. Como se algún dos seus animais fose quen de abrir, Encarnación trancara a porta por dentro. Logo foise á lareira a acender o lume e, cando o vermello da raiba comezou a confundirse no seu rostro co que provocaban as chamas, a Roxa sentou nunha cadeira baixa, apoiou as mans nas fazulas e, mentras sentía quentarse as palmas contra a pel encarnada, fixo algo que non facía dende a última Noiteboa: chorou.

terça-feira, 20 de novembro de 2007

Antonieta (II)

A cabra estaba sentada enriba das patas, como unha figuriña do Belén, e no lugar desa faísca que escintilaba sempre nos seus ollos, tiña o ollar sereno e ata un pouco aparvado que a Roxa podería imaxinar no boi do presebe ou mesmo en San Xosé. Contra o seu costume, Antonieta non se puxo de pé nin se moveu e só cando a vella deu dous pasos dentro da corte e descubriu que a cabra non estaba soa, despregou as patas dianteiras e chantou os cascos no chan en sinal de alerta. Xunto ao ventre de Antonieta, tenso e inflado como un fol, durmía un gato pequeno e negro que á chegada da Roxa respondeu levantando unha orella, pero sen abrir os ollos nin desfacer o nó que debuxaba o seu corpo enrodelado.
-Fuxe! Fuxe!- empezou a vella mentres sacudía a man cara o animal, que dun salto púxose en pé encrespado e recuou cara a parede como un caranguexo. Antonieta namentres endereitárase sobre as catro patas e beaba fóra de si ao tempo que interpoñía o seu corpo entre o do gato e o da ama, que miraba á cabra sen recoñecela.
Cando o animal estirou o pescozo e lanzou os seus dentes saltóns cara a man que a muller seguía a abanear sen conseguir apresala, a Roxa detívose e comezou a retroceder cara a porta pasmada. Comprobou que a cada paso que desandaba Antonieta relaxaba o seu ollar de ameaza ata que, cando estaba xa na entrada, a cabra virou cara o seu compañeiro e baixou o fouciño ata rozarlle o nariz. A Roxa puido comprobar entón que o gato tiña un ventre dilatado que lle chegaba case o chan, un ventre de gata, e que respondía ao aloumiño da cabra rozando o seu corpo cimbrante contra as patas nodosas de Antonieta.
A vella, esquecida xa do seu recibo da contribución, saiu do cortello coas fazulas encarnadas, cunha mistura de rabia e pudor dentro do peito, pero ao pasar polo fachineiro ainda botou unha ollada cara dentro e viu que Antonieta e a súa amiga voltaran a súa posición inicial e descansaban sentadas no chan cos seus ventres palpitantes e ben arrimados un ao outro.
De camiño a casa, A Roxa xurou non falar daquela tolería a ninguén, pero nunhas semanas toda Boiniña, incluido o meu avó, coñecía o conto.

quarta-feira, 24 de outubro de 2007

Antonieta (I)

Na aldea dos meus avós, en Boiniña, vivía unha señora pequena e enrugada e, con ela, un can que comía mazás, un porco ao que sacaba a pasear cunha corda amarrada ao pescozo e unha cabra vella e descarada que era a súa maior confidente. Á muller bautizárana Encarnación, pero todos a chamaban A Roxa. Cando mandaron a don Euloxio de párroco para a colexiata e chegou don Roberto tardou ainda tres semanas ou máis en darlle a comuñón porque Encarnación era vella e fea como unha bruxa e tiña un alcume que soaba perigoso e, sobre todo, ateo. Creo que foi meu avó, que coñecía á Roxa dende cativo, quen lle tivo que explicar ao crego que onde había agora un cabelo grisallo antes bailaba unha melena mesta e encarnada e que as manchas escuras que a muller tiña na cara foran noutro tempo un cento de pencas que acendían as meixelas igual que estrelas no ceo. Era A Roxa por iso, nada máis, tivo que aclarar o meu avó.
Xa de vella a muller vivía cos seus animais nunha casa de planta baixa ao pé do camiño que saía da aldea cara o monte. Ao can chamábao Siño, de ‘canciño’ seseado, e, ainda que era pequeno e de patas curtas, facía fuxir a calquera que, ao velo rillar na froita baixo unha maceira, ousaba traspasar confiado a cancela. Como premio, A Roxa deixábao durmir dentro da casa, nun cantiño xunto a lareira, pero o seu preferido, ainda que pasase a noite na corte, era o porco Falconetti; iso sabíano todos.
Falconetti era un cocho enorme e manso que foi vendo pasar ano tras ano o San Martiño sen que lle tremesen as patas. “Que desperdicio de animal!”, dicíanlle nos primeiros anos os veciños á dona querendo eloxiar as cualidades do porco para facer un bo cocido. “Mellor estarías ti na ola, lerchán, que non serves para outra cousa”, respostaba ela coas fazulas encarnadas pola rabia e, de seguido, daba un tironciño na corda que amarraba ao porco e marchaba rosmando e coa cabeza moi tesa, como se pasease un caniche por unha rúa céntrica da capital. A ela Falconetti servíalle para moito máis que para facer o caldo. A Roxa faláballe con palabras doces, como a un namorado, mentras paseaban polos carreiros da aldea e o porco escoitábaa meneando un pouco a cabeza e facendo bailar as orellas, como se asentise. Outras veces semellaba ser el o que animaba a conversa porque a vella escachaba de súpeto nunha gargallada e pasáballe unha man polo pescozo ao animal, como se o cocho lle acabara de contar algo cómico.
Para Falconetti eran as boas palabras, pero cando a muller andaba a cismar polos cantos acababa desfogando coa cabra. Falconetti debía de andar polos sete ou oito anos, pero dos da cabra A Roxa xa perdera a conta. Ainda así, o animal era áxil e aloucado como unha cabuxa e tiña un pelaxe branco e brillante que o facía parece sempre aseado. A cabra tiña ademáis ollos vivos e cara de lista e, ainda que fose casualidade, escoitaba os desacougos da Roxa calada e co ollar baixo e só cando a muller preguntaba “Ti que dis, Antonieta?” levantaba os ollos, deixaba pasar uns segundos e soltaba un beo longo e reflexivo.
A escea repetíase cantas veces A Roxa requería á cabra, pero unha mañá de principios de verán, cando a muller foi á procura do animal ao cortello para queixarse porque chegara o recibo da contribución, descubriu que algo cambiara en Antonieta.