terça-feira, 29 de maio de 2007

Irmás

Eu sempre quixen ter unha irmá. Ou un irmán; ou algo. Algo que non fose ser filla única dun pai aluado e unha nai cos pés espetados na terra. Porque o do meu pai é cómico e o da miña nai, ao seu xeito, tamén. Pero se non tes irmáns cos que botar unhas gargalladas a conta dos vellos pois non tes nada.
Cando era novo o meu pai estivo emigrado en Brasil, pero para min, que nacín anos despois, ese tempo sempre foi case mítico, como o dos dinosauros ou o da guerra de Troia. A miña nai di que en Brasil o meu pai partiu o lombo a traballar e eu penso que debeu partilo de vez porque dende que eu acordo nunca lle coñecín choio. Agora xa está maior de máis para iso, pero cando eu era cativa e cando me fixen moza o único que facía el era pasear pola horta e pararse de cando en vez diante dun pé de leituga ou dalgún pexegueiro novo por ver se crecían.
-Parece que esa maceira non vai para arriba -dicía no xantar abaneando a cabeza- Levo tres días esculcando e non se lle move unha folla.
-Pois haberá que miralo- respostaba sempre a miña nai ao tempo que me chiscaba un ollo.
Cando era nena, eu quedaba preocupada pola pobre maceira –ou polos tomates, os pexegos ou o millo- e polo pobre do meu pai, que pasaba os días seguintes indo e vindo da casa á árbore e da árbore á casa como se coidase dun doente. Pero a miña nai non tiña preocupación ningunha; vivía tranquila mentres ao meu pai lle fose chegando a paga e a ela lle seguise dando a mercería, que era a única do pobo. Dáballe igual atopar ao meu pai encrequenado falándolle amodiño a un cabazo e o único que non lle deuxou facer, nin sequera en casos de vida ou morte, foi poñerlle música as prantas.
-Con pasodobles igual melloraban, pero se lle pos os teus fados, quedamos sen horta.
Pouco lle importaba a ela a horta. O que non quería era dar máis que falar as veciñas, pero o certo é que ese día o meu pai, despois duns segundos de desconcerto, quedoulle todo agradecido como se ela tivese evitado unha traxedia.
-Se non fora por ti, miña rula...- e, despois de darlle un bico na fronte, saiu da casa sorrindo e convencido de que o seu ollar silandeiro era mellor esterco que calquer pasodoble.
Agora escacho coa risa ao recordarlo, pero entón quenes escachaban eran os rapaces da escola que miraban ao meu pai dende o camiño mentras eu coraba de vergonza. Se tivese unha irmá -un irmán tamén valería- ía rir eu tamén con ela, pero non tiven. E así, claro, quedei medio murcha.
E isto cóntoo porque hai dous días tirei outro papeliño da lata que cheira a amorodo e poñía “Unha muller da familia”.
E foi entón cando botei en falta esa irmá que sempre quixen ter.
E deume por contarlle esta historia.

sexta-feira, 18 de maio de 2007

Só un apunte

Parou o vento e a folla seca caiu do ceo ao chan, amodiño, sen remedio. Prefiro non falar diso. Desculpade.

domingo, 13 de maio de 2007

Á busca do fío

Xa sei, xa sei. “Mañá” era hai catro días e o pobre Raimundo non merece que o deixe aí pendurado neste espazo incerto da rede. Pero é que cando ía coller de novo o fío apareceu Vicente e non sabía xa se era mércores, domingo, luns, día, noite; non sabía se chorar, se rir, se fuxir... Non o sei ainda agora. E, bueno, nin pensei en escribir.
Que quen é Vicente? Pois ainda non son quen de dicilo. Só sei que non ten papeliño na miña caixa de cereixas, que é coma un vento tolo que fai bailar as follas secas ata facelas tocar o ceo e que agora está a durmir no cuarto do lado, no meu cuarto.
En canto esperte e marche, cóntovos como foi que Raimundo me descobreu o misterio da vida.

terça-feira, 8 de maio de 2007

Raimundo

Raimundo non era o meu príncipe; Raimundo era a miña rá. Cando nun cantiño dalgún caderno debuxaba eu un corazón sen que ninguén me vise, o nome que poñía dentro xunto co meu non era Raimundo, senón Eduardo, que era un rapaz alto e loiriño da nosa clase que ía sempre moi limpo e moi ben vestido. Pero para todo o resto chamaba a Raimundo.
Raimundo era cativo de corpo, tiña a pel morenocha de estar o día todo na rúa e andaba sempre coa roupa porca e desleixada. A miña nai queixábase seguido do monte de camisas, saias e pantalóns que tiña para pasar o ferro, pero logo rifábame se quería poñer un vestido engurrado. A nai de Raimundo non chegou a queixarse. Marchou cando el tiña tres ou catro anos e deixouno co seu pai e as catro irmás maiores naquela casa de dous andares xunto o colexio, onde o pai era conserxe. Non sei se Raimundo sofreu moito entón -nós eramos cativos de máis para falar desas cousas-, pero aquela desgracia tan grande -que dicía a miña nai- fíxonos a nolos dous donos dun mundo enorme que ningún neno sería quen de soñar. Polas mañás, ao saír do colexio e cando o pai ainda estaba traballando e as irmás no instituto, nós campabamos por aquela casa como se fose un castelo abandonado –e un pouco si que era-: abriamos caixóns, rubiamos polos mobles, saltabamos nas camas desfeitas e Raimundo poñíase todo fachendoso cando lle daba o botón do lavalouzas despois de meter os pratos do almorzo porque sabía que a miña nai non me deixaba facer cousas de grandes. Pero eu non lle tiña envexa ningunha; máis ben dábame un chisco de mágoa por el, pero iso nunca llo dixen.
O que si podería darme envexa, grande grande, era que pola tarde, cando marchaban todos os nenos para casa, o colexio enteiro era de Raimundo. Pero non me daba, porque Raimundo facía que o colexio enteiro fose para nós. Tiñabamos o patio, que no recreo da mañá parecíanos tan pequecho, feito un campo enorme de xogos onde Raimundo daba voltas e voltas nunha bicicleta case tan alta coma el mentras eu miraba, como se estivese no circo, e aplaudía. Logo entrabamos por unha das ventás da aula de parvulitos, que a señora da limpeza deixaba abertas para que secase o chan, e faciamos un milleiro de cousas que...
Pero non vou contalas agora. Hoxe só quería falar un bocadiño de Raimundo e quería contar tamén unha cousa das moitas que me ensinou. A primeira cousa ben importante que aprendín antes de cumprir dez anos. Quería contala hoxe, pero isto xa vai longo de máis.
Cóntoa mellor mañá.

sexta-feira, 4 de maio de 2007

Papeliños

Teño unha lata de cereixas; con cereixas debuxadas, vamos. Antes eran case apetitosas, cun vermello brillante que daba ganas de papalas dun bocado, pero agora palideceron un chisco e están comidas por puntiños de ferruxe. Hai polo menos doce ou trece anos que a merquei nunha tenda que entón parecía máxica: era un deses todo a cen nos que tiñas un millón de cousas por vinte pesos e que acabaron engulindo os chineses e os euros. Con aquelas moedas douradas e gordechas podías mercar un cento de cousas dunha vez e ainda che sobraban cincocentas pesetas. Un deses días eu merquei miña lata, chatiña e redonda, con tapa e cunha vela con cheiro a amorodo dentro. Cando a cera quedou en nada e só restaba un chisquiño de cabo negro e teso como a póla morta dunha árbore, limpei a lata e comecei a meter dentro, ainda non sei ben por que, papeliños con palabras escritas. Ao primeiro metín moitos, pola novidade: nomes de persoas, cousas que me producían carraxe, feridas, comidas, o nome dunha rúa ... todos arrecendendo a amorodo. Pero cós anos fun demorando aquel tributo estraño ata case esquecelo.
E foi onte, fedellando nunha caixa da última mudanza, cando dei de novo coas cereixas. Non fun quen de recoñecelas de todo. Abrín sen cerimonia a tapa, que renxeu como a porta dunha casa vella, e de súpeto o cheiro doce que se mantiña por non sei que milagre tróuxome o recordo ó nariz. Cos nervos rebulindo no estómago, tirei un papeliño e desdobreino a modo ata que atopei os trazos de tinta azul. Era a letra que empezara a garabatear no instituto para que ninguén entendera as mensaxes de adolescente desesperada que ía ciscando polos cadernos e pasaran xa tantos anos daquela –anos nos que puiden recuperar a miña boa letra primeira- que traballo me costou entender aquela palabra. “Di... di...”, fun facendo esforzos mentras achinaba os ollos, e foi á terceira cando entendín. “Di Raimundo...”, murmurei case sen que me saise a voz.
Dicía Raimundo... Raimundo...
Entón saiume un sorriso deses que só casan cunha cara de nena.

quarta-feira, 2 de maio de 2007

Preséntome

Chámome Amalia P. Verdura e teño 33 anos. Amalia é polo meu pai, que se chama Benigno, pero que sempre deveceu polos fados que lle burbullaban na gorxa a Amália Rodrigues. O P. tamén é del, de Pérez, que sempre reduciu á mínima. O de Verdura foi vaidade; é o segundo apelido do meu avó materno. “Con eses ollos que tes, di que te chamen Verdura, nena, e esquece o Pardo da túa nai”. A el, que case non vía, parecíanlle verdes e eu crino, como se debe crer sempre ós avós; crino ata que deixei de ser nena e os ollos se me volveron mouros. Daquela xa fixeramos un chanchullo no rexistro civil cun primo segundo da miña nai –outro Verdura, por certo- e, con ollos mouros e todo, quedei Verdura. Foi porque xa non me quedaba outra, pero durante anos non volvín contar a historia dos meus ollos verdes, porque coraba de vergoña só de lembralo.
E con quince anos, canto precisaba eu telos verdes! Verdes, doces, aloumiñeiros... Entón era unha mociña triste, cos ollares chantados nas pedras do chan e o cabelo longo a tapar a metade da cara. Tiña corpo de muller feita e por iso a miña nai, que non quería nin ouvir as historias de mulleres lixeiras dos fados do meu pai, non deixaba de asexar cada vez que o fillo do panadeiro paraba un chisco a latricar cando traía a bola de pan. Gostáballe falar conmigo porque eu tiña libros e os dous queriamos estudar en Compostela algo ben pouco práctico como a filoloxía clásica na que eu acabei metida... Pero do resto, nin caso. Guapa non era, pero agora penso que fea tampouco, que caray! Cativa, de cariña ben feita, ainda que seria de máis, tiña mal que ben o mesmo físico que hoxe: as faccións redondeadas e suaves, a mesma cor escura de cabelo –igual cá dos ollos-; as mans finas con nove dedos longos e ben formados –o maior da man esquerda é longo, si, pero cun callo de escribir con boli que fai desesperar a rapaza que me fai a manicura-. Quédame ben pouco daquela tristura e hai anos que curei de tanto desamor da mocidade, pero ás veces cando chego a casa polas noites, recollo a melena nun moño alto e lavo a cara; cando, distraida, mírome no espello mentras algún teimudo asunto de traballo me volve á cabeza; algunha desas veces, os meus ollos topan cuns ollos mouros no espello e vexo de súpeto a aquela mociña. Mírame con tristura, si, cos ollos escuros e húmidos como dúas pozas, pero tamén cun chisquiño de emoción, como una nai sen estudos a unha filla universitaria. Aquela cativa murcha sabe que agora polas noites o último que fago é sorrirme no espello
.