Mostrar mensagens com a etiqueta Bichos. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Bichos. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, 30 de agosto de 2007

Unha mentira

Recordo que na escola xa deramos vacacións. Era ao principio do verán, pero, como ocorre nesta terra, semellaba ainda primavera. Seguía a chover días enteiros, o sol acariñaba sen chegar nunca a queimar e as leiras e os campos parecían estar sempre nun rebulir de festa, como se alguén se afanase en facer cantar os animais e en enfeitar a terra coas cores máis alegres.
Debía de ser media mañá cando saín da casa para ir buscar ovos á da veciña porque as nosas galiñas andaban namoradas e case non puñan. Cando estaba a chegar, vin de costas na beira do camiño ao home da veciña, o señor Domingo, que estaba a traballar a terra cun sacho. Ía pasar de largo, porque o señor Domingo era un túzaro que non aturaba aos nenos, pero cando estaba case a súa altura escoitei un miañar louco e tan agudo como a picada dun alfinete. O son levoume como hipnotizada cara ao home e fíxome chantar os pés ao seu lado. O señor Domingo miroume de esguello sen deixar de traballar mentres eu afundía arrepiada os ollos na terra.
-Marcha daquí, nena!- díxome mentras tentaba calar o miar de tres gatiños que loitaban por saír dun buraco feito na leira.
Eu non era quen de pestanexar e tiña tanta urxencia por berrarlle que parase que non conseguía desatoar as palabras da gorxa.
-Que os vai matar...- foi o que primeiro que conseguín dicir, pero non nun berro, senón nun murmurio que eu sentín máis baixo có latexo do corazón, que me batía ao ritmo tolo dos miau, miau, miau.
-Marcha daquí, nena! Non ves que están mortos?
-Que non! Que non! Mire!- dixen pensando que se enganaba, pero cando quixen agarrar o último gatiño que afundía as unllas na parede daquel pozo querendo amarrarse á vida o señor Domingo tiroume cara atrás co brazo que tiña libre mentres co do sacho botou outra morea de terra negra que fixo calar o chan.
-Están mortos, nena. Lisca daquí, veña.
E, como tiña razón, marchei.
Voltaba sen ovos, cos ollos moi abertos e cos beizos apertados para non chorar, e cando estaba chegando a casa un son anguriado fíxome levantar os ollos. Sobre o muro que separaba a nosa finca da do lado, camiñaba a gata dos veciños co ventre ainda frouxo e miañando dorida cara o ceo.

sábado, 30 de junho de 2007

Paxaros na cabeza (ou Bechos, só)

O outro día oín un chío na casa. Estaba diante do ordenador, como agora, e sentín a voz dun paxariño no corredor. Na miña casa, onde as ventás son de madeira vella, entran sons de todas partes e non podes facer caso de ningún: cando parecen voces no corredor, veñen do portal; cando te figuras que é da rúa, chegan do patio interior. Confúndenme a min, pero tamén a Roque, o meu gato, que levanta as orellas, en garda, fitando na dirección oposta ao ruído.
Agora os dous xa aprendimos e facémonos os xordos, e por iso ao chío non lle prestamos oídos. Roque, que durmía feito un nobelo no seu sillón, apenas moveu unha orella, igual que se escorrentase unha mosca, e eu seguín tecleando como quen está afeita a escoitar voces ou ver pantasmas.
O segundo chío, uns minutos despois, metéuseme máis na cabeza e fíxome pensar se non habería un niño perto dalgunha ventá ou na cornixa do edificio. Roque, pola súa banda, levantou un chisco o rabo, como se tentase con ese apéndice escoitar mellor, e voltou a enrodelalo no corpo.
Deberon pasar polo menos dez minutos ata o terceiro chío, pero desta vez tiven que xirar as rodas da miña cadeira e, a lume de carozo, saír detrás de Roque, que ía ás carreiras xa polo corredor cara o cuarto do fondo co seu paso preciso e mol de bo cazador. Cando cheguei, el trataba de rubir por un estor mentras un pardal revoaba ousado xunto a moldura de escaiola do teito.
Por sorte, Roque é botado para adiante, pero os seus instintos están refinados de máis, así que non tiven problema en tiralo do estor, do que malamente se sostiña, e pechalo no baño. Voltei ao cuarto, cerrei a porta e abrín de todo a ventá, que non estaba levantada máis que dez centímetros ou así, para ventilar apenas e para que o meu benquerido Roque non tivera nunca tentacións de saír voando detrás dunha pomba. O pardal saiu ás presas e soltou un pío longo e chorón mentras eu, despois de baixar de novo a ventá e deixar libre a Roque, voltei ao escritorio matinando na aventura daquel paxaro, que entrara na casa dun gatón por unha fenda mínima e logo non fora quen de saír.
Cando logrei concentrarme –Roque tardou moito menos en coller de novo o sono no seu sillón- escribín case sen parar tres parágrafos do traballo que tiña entre mans e, cando estaba facendo o esforzo de fiar con tento a seguinte idea, escoitei outro chío. Pareceume unha alucinación ou un soño, pero non dubidei en ir cara o corredor amodiño, para non despertar ao gato. Estaba na metade cando outro chío chegou dende a cociña. Ás presas entrei e pechei a porta, pero alí parecía que non había ninguén. Mirei polo teito, mirei polo chan, enriba da neveira. Nada. Pareime un momento a pensar se estaba a tolear ou se os tolos eran os paxaros, que non sería a primeira vez, pero mentras tentaba reaccionar soou outro chío e xa non tiven dúbidas.
Viña do oco que quedaba entre a neveira e a ventá, onde gardo a vasoira, e ainda que ao primeiro seguín sen ver nada, axiña descubrín un paxariño diminuto que comezou a chiar aloucado en canto acheguei a man. Era tan cativiño que non fun quen de collelo por medo a esmagalo e, nun voo curto, alcanzou o outro lado da cociña. Aniñouse entón nun canto e, por fin, puiden rodealo cos dedos e miralo de perto. Era un poliño de pardal e no peto ainda tiña unha peluxe de pó que debeu enganchar ao afociñar na vasoira. Tireilla con coidado, mentras o bechiño tremía como unha folla, e leveino cara a ventá. Acerquei a man á altura da fenda e en canto o pardal pousou as patiñas na madeira da fiestra revolveuse un intre e saiu voando como se fose unha bolboreta. A loucura de chíos que soou entón dende todos os cantos do patio fíxome pensar que os paxaros tolearan de vez. Un métese na casa por unha fenda, outro entra por outro lado, agora chían como quen da vivas...
Voltei ao escritorio, seguín cismando, incapaz de retomar o traballo, e de súpeto, mentras ollaba o meu cultivado e doméstico gato durmindo no seu sillón diante da tele, ocorreúseme pensar se non habería ainda bechos que conserven instintos tan primitivos como o de xogar a vida polos fillos.
Animaliños!, pensei.