quinta-feira, 30 de agosto de 2007

Unha mentira

Recordo que na escola xa deramos vacacións. Era ao principio do verán, pero, como ocorre nesta terra, semellaba ainda primavera. Seguía a chover días enteiros, o sol acariñaba sen chegar nunca a queimar e as leiras e os campos parecían estar sempre nun rebulir de festa, como se alguén se afanase en facer cantar os animais e en enfeitar a terra coas cores máis alegres.
Debía de ser media mañá cando saín da casa para ir buscar ovos á da veciña porque as nosas galiñas andaban namoradas e case non puñan. Cando estaba a chegar, vin de costas na beira do camiño ao home da veciña, o señor Domingo, que estaba a traballar a terra cun sacho. Ía pasar de largo, porque o señor Domingo era un túzaro que non aturaba aos nenos, pero cando estaba case a súa altura escoitei un miañar louco e tan agudo como a picada dun alfinete. O son levoume como hipnotizada cara ao home e fíxome chantar os pés ao seu lado. O señor Domingo miroume de esguello sen deixar de traballar mentres eu afundía arrepiada os ollos na terra.
-Marcha daquí, nena!- díxome mentras tentaba calar o miar de tres gatiños que loitaban por saír dun buraco feito na leira.
Eu non era quen de pestanexar e tiña tanta urxencia por berrarlle que parase que non conseguía desatoar as palabras da gorxa.
-Que os vai matar...- foi o que primeiro que conseguín dicir, pero non nun berro, senón nun murmurio que eu sentín máis baixo có latexo do corazón, que me batía ao ritmo tolo dos miau, miau, miau.
-Marcha daquí, nena! Non ves que están mortos?
-Que non! Que non! Mire!- dixen pensando que se enganaba, pero cando quixen agarrar o último gatiño que afundía as unllas na parede daquel pozo querendo amarrarse á vida o señor Domingo tiroume cara atrás co brazo que tiña libre mentres co do sacho botou outra morea de terra negra que fixo calar o chan.
-Están mortos, nena. Lisca daquí, veña.
E, como tiña razón, marchei.
Voltaba sen ovos, cos ollos moi abertos e cos beizos apertados para non chorar, e cando estaba chegando a casa un son anguriado fíxome levantar os ollos. Sobre o muro que separaba a nosa finca da do lado, camiñaba a gata dos veciños co ventre ainda frouxo e miañando dorida cara o ceo.

segunda-feira, 20 de agosto de 2007

Retallos

Cando tiña once anos namoreime do meu curmán Pedriño, o fillo máis novo da tía Teté e do tío Lucho. Ata entón Pedriño non fora máis que un langrán que me levaba media ducia de anos e que non era quen de chamar por min máis que berrando miñoca ou miñoca gordecha, ainda que eu daquela xa tiña un corpo que quería ser de muller. Pero o día que me namorei del conseguín recuperar o meu nome e, agradecida, devolvinlle a el o seu.
Estabamos no parque da vila, cadaquén polo seu lado -eu facendo un beberaxe con terra, auga e follas de margaridas e el agardando ao seu irmán Antón que viña da cidade no coche de liña-, cando a miña nai comezou a chamar por min a berros para que fose comer.
-Amaaalia! Ammaaaalia! Ammmaaaalia!
Pedriño, que de puro aburrimento facía debuxos co talón do pé na area, levantou de súpeto os ollos do chan, fitoume como se non me recoñecera e cunha fala macia que me deixou pampa soltoume:
-Nunca me decatara ata agora do bonito nome que é Amalia.
Díxoo como se, por primeira vez, os dous pertencésemos a mesma especie animal e só iso fixo falla para que Pedriño, aquel rapaz espigado e de ollos verdes e escintilantes como os da súa nai, virase Pedro de vez. A impresión non me deixou porén nen dicirllo porque dos beizos só me saía un ar esmorecido, sen son, mentres as letras que precisaba para formar o seu nome rebulíanme como cóxegas debaixo do embigo.
Pasado ese día, comecei a dubidar entre estar con el apampada de tan alto e tan guapo que empezaba a parecerme ou fuxir ás carreiras en canto o vía rondar, porque a min, que tanto tiven que aturarlle, aquel xeito tan doce que tiña conmigo entenrecíame ata encherme os ollos de bágoas. Facía cousas como collerme da man para cruzar a rúa, cando na nosa vila daquela non pasaban case coches; ou axudarme a facer os deberes e rir divertido se erraba na tabla de multiplicar; ou gastar a paga toda en mercarme caramelos na tenda do señor Baldomero. Levábame todas as tardes despois de facer as tarefas e nunca esquecerei aquela campaíña que nos anunciaba cando entrabamos da man, como se fosemos uns noivos saíndo da igrexa, mentres Mercedes, a filla de Baldomero, levantaba os ollos dos seus libros e observaba curiosa aquel xeitiño de namorado de Pedro.
-Boa tarde, Mercedes, como vai?
-Por aquí, dándolle aos libros.
-Se tes algunha dúbida, xa sabes a quen preguntarlle –dicíalle coidadoso el, que repetía curso e estudiaba na aula da rapaza.
-Pois a bo sitio me mandas, burricán –e soltaba unha gargallada que a Pedro o facía corar e a min enchíame de carraxe.
Mercedes non se cansaba nunca das chanzas, pero a Pedro parecían non importarlle e, á tarde seguinte, preocupado só por premiar o meu bo facer cos deberes, recuncaba e entraba sorrinte na de Baldomero a mercar os meus caramelos.
Aquelas maneiras de rapaz formal non só me admiraban a min, senón que tiñan parva a toda a familia. Cando Pedro levaba xa unhas semanas mudado, un día que eu andaba a enredar no almacén da mercería da miña nai, chegoume dende o mostrador a voz da tía Teté.
-Tal parece que me cambiaron o fillo, Celia, xúrocho –dicíalle marabillada á miña nai-. Ten o seu cuarto como unha patena, pon a mesa sen que llo digas e fai todos os mandados sen chistar. Esta feito un home... Un home de calidade, vamos.
Eu sabía de sobra de quen falaba e comecei a camiñar a modo ata a porta do almacén para escoitar mellor.
-O amor, cuñada, o amor...-puíndenlle oír con asombro a miña nai e, ao sentirme descuberta, revolvinme para fuxir, tropecei sen querer cunha morea de caixas e botei polo chan douscentos ou trescentos botóns negros máis pequenos que a unlla do maimiño.
-Ammaaalia! A que andas, rapaza?
Quedei emocionada e sorprendida e, mentres recollía un por un os botóns do chan, convencinme de que, ao final, que Pedro e eu fosemos curmáns non parecía ser un drama na casa e menos ainda que eu fose unha nena, porque era só cousa de tempo. Pensei que tería que falar con el de todo iso, pero mentres gardaba os últimos botóns na caixa resolvín agardar unha ou dúas semanas por ver se el daba algún paso, como entón dicían que facían os homes.
Pero correron tres semanas e nada. Así que unha tarde que estaba de novo no almacén da tenda, mentras a miña nai e a tía Teté seguían cos seus dixomedíxomes fóra, resolvín corresponder ao seu amor paciente dalgunha maneira e mentres ensaiaba as palabras máis certas para dicirlle que nunca tería máis mozo que el, collín un retallo de tela encarnada e púxenme a traballar nel. Cando xa conseguira coser unha bolsiña con forma de corazón e andaba á busca dun pouquiño de recheo mol para enchela e rematala, oín un rebulir e unhas risiñas fóra e asomeime á mercería.
-Ai! Mira, mira!- dicía a miña nai sacudindo a man como se lle queimase.
Ela e a tía Teté estaban no bico dos pés xunto o escaparate e parecían dúas adolescentes.
-Ai! Que monada, Celia!
-Onde se viu, dime ti, parella máis bonita? Xa cho dicía eu-engadiu a miña nai.
Non sei como fun quen de chegar dende onde estaba ata a porta do negocio, pero cando vin a través do cristal cara a rúa tiña a certeza do que ía atopar, como quen intúe unha morte.
No mesmo parque onde eu pasei de mincha a Amalia e Pedriño virou Pedro, paseaba o meu curmán con Mercedes, a filla do señor Baldomero. Ían a mesma altura, pero a un metro un do outro, e ainda así había algo no seu camiñar vagaroso que non precisaba palabras.
A miña nai e a tía Teté seguiron a mirar enlevadas ata que escoitaron un salouco ao seu carón e se viraron á vez.
Ao verme a agulla nunha man e unha pinga de sangue no índice da outra, a miña nai abaixouse asustada.
-Ai, Amaliña, usa as agullas con tento, meu amor!
E mentres se encrequenaba agarimosa para sandar cun bico de nai a ferida do dedo sen querer pisou o retallo de tela encarnada que caíra esquecido aos meus pés.

segunda-feira, 23 de julho de 2007

Convalecencias

Raimundo e eu eramos tan amigos, tan inseparables, que non había doenza que non pasaramos xuntos. Contaxámonos as papeiras, a varicela e o sarampelo e, por suposto, apañabamos calquer virus da gripe que planase sobre as nosas cabezas. Nunha desas convalecencias, soíños como estabamos cadaquén na súa casa, a miña nai resolveu instalar a Raimundo na cama xemelga á miña. Calquera diría que o rapaz estaba doente cando entrou pola porta do meu cuarto no colo do seu pai, envurullado nunha bata grosa e cun sorriso no que non lle cabían máis dentes.
-Ai, Celia, non sabe o apuro que me da vir a traerlle máis traballo...-empezou o pai de Raimundo mentres o acochaba na cama.
-Saque de aí, ho. Se soubera o choio que me aforra por non ter que escoitar a esta a queixarse do que se aburre! Eu estou encantada, Braulio –díxolle ela mentres o outro sorría tímido como se lle tivesen feito un aloumiño.
O de que me aburría era una trola da miña nai, que ben entretida estaba eu cuns cadernos de colorear que me trouxera a tía Teté, pero é ben certo que agradecín aquela aventura estraña que só nos podía ter pasado a nós. Os pais de ningún outro neno deixarían que lles levasen o fillo enfermo da casa, pero o pai de Raimundo non andaba con melindres e sabía que un fogar sen nai como o seu non era o mellor sitio para un cativo doente.
-Eu llo agradezo moito, Celia, porque xa sabe que eu ando sempre ás carreiras e as miñas fillas son novas demais para tomar conta de Raimundo todo o día. E agora marcho que teño que ir cambiar unhas lámpadas nas aulas dos pequechos, que quedaron sen luz.
Raimundo e eu seguiamos a conversa en silencio dende as nosas camas ao tempo que cruzabamos ollares falangueiros e sorrisos cheos de impaciencia e inxenua emoción. Contabamos con que nos deixasen sós a tarde toda para poder rebuscar nos armarios, dar chimpos na cama e facer daquel cuarto un patio de colexio, pero axiña marcharon as nosas arelas polo sumidoiro.
-Agarde un cachiño, Braulio –dixo a miña nai dun xeito que entón me pareceu só raro, pero que agora... non sabería eu dicir- Axúdeme antes a prepararlles a merenda a estes e convídoo a un café.
-Por Dios, Celia. Axúdoa no que precise. Só faltaría...
E alí marcharon os dous á cociña. Voltaron uns minutos despois e xa non se moveron máis no resto da tarde. O pai de Raimundo, que tiña tanta présa, foi poñendo un manteliño con enfeites de gancho na mesa do braseiro ao tempo que a miña nai traíanos a nós cadansúa cunquiña de chocolate con biscoitos. Mentres nós relambiábamosnos na cama, eles mollaban galletas no café con leite e comezaban unha conversa parva que non son quen de reproducir, pero que estaba zarrapicada de gabanzas, rubores e babecadas. Sorprendinme entón de que o pai de Raimundo non fose ao final así tan calado como eu cría e recordo que reneguei de facerme muller ao ver a miña nai, que parecía panoca cada vez que Braulio lle dirixía unha louvanza.
-O meu non é nada, moito máis difícil é ser pai de familia- dicíalle ela cando o outro gababa o seu traballo na mercería polas mañás e o resto do tempo na casa e a atención que nos daba ao meu pai e a min- Ser muller sempre foi máis fácil- engadía a moi parva.
E parecía que aquel falar melindroso dela animaba ao pai de Raimundo a seguir dalle que dalle. Cando parecía que non había máis que louvar comezou con aquel mantel de labor de gancho, sobre o que eles merendaran, como se fose o traballo do máis fino ourive.
-E esa volta e reviravolta que fai aí o fío? Para iso hai que ter mans como pombas. Así como as súas, Celia –díxolle feito un poeta e quedouse mirando ás mans con tanta cobiza que nen sentiu o tintilar das chaves na porta.
Cando viu entrar ao meu pai no cuarto o pobre do home atrapallouse tanto que calquera diría que viña de roubarlle a facenda.
-Ai, Benigno, que sorpr... Bo, sorpresa non. Pero é que o cativo anda medio... E non digo que Celia non o coid... O caso é que...
-Bueno, ho, qué me vas contar a min? –salvouno o meu pai- Que teño un limoeiro aí que non acaba de tirar p’arriba e anda murcho como unha noiva despeitada.
Mentres o meu pai deixaba caer un bico, como unha froita doce, na fronte da miña nai, o pai de Raimundo púxose en pé, vestiu o chaqueta atordado ainda e comezou a buscar a bata onde trouxera envolto ao seu fillo.
-Non, non, iso si que non, Braulio. A onde vai levar o neno a estas horas- protestou deseguida a miña nai- Raimundo queda aquí e mañá, segundo como esté, xa veremos se volve ou non volve para a casa.
O pai de Raimundo puxo cara de botarlle un piropo esmorecido, pero mirou de esguello ao meu pai e calou. Deulle un bico e unha aperta doce a Raimundo, levantou as lapelas da chaqueta e esvaeceuse nos escasos cen metros de escuridade que separaban a porta da nosa casa do portal do colexio, que gardaba a vivenda da conserxería.
Raimundo e eu ceamos na cama e a miña nai deixounos ainda un cacho coa luz acendida, pero aquela tarde deixáranos un gosto estraño na lingua e case nen falamos. Antes de apagar a luz, un pouco por convencemento e outro por non seguir calada, propúxenlle a Raimundo unha cousa. Faltoulle tempo para dicir que si.
Cando quedamos ás escuras, os dous á vez, collidos da man, prometimos non facernos maiores nunca.

sábado, 7 de julho de 2007

A lingua de namorar

A min de nena gustaríame ter falado en español, como a miña curmá Carmela. Ela viña dende a cidade a nosa vila a pasar de cando en vez a fin de semana e miña avoa, ainda que sempre mo negou, devecía por aquela cativa de riciños moi negros e longuísimas pestanas. Daquela boquiña que semellaba o peteiro dun paxaro saían cousas como “abuela, ¿me llevas a ver las gallinitas?” ou “abuela, ¿puedo bajar contigo a la huerta?”. E a miña avoa, falando como se estivese a facer burla de si propia, acrecentaba: “Dame la mano, que vamos también al cortello a ver el cerdo y el año”. E quedaba toda chea.
Eu tamén sabía falar español, cómo non ía saber, pero cando eu lle dicía a Carmela que “viniese conmigo a buscar los juguetes de la playa al faiado, que era donde los guardara mi madre al empezar el curso” a moi parva escachaba coa risa e dicía que eu falaba raro.
Cos anos aprendéronme dereito o español, mais eu seguín a falar e escribir galego agradecida a miña avoa, os meus pais e a xente da miña vila por aquel tesouro noso que me descubriran, ao tempo que recordaba avergoñada a envexa cega que tivera do peteiriño de Carmela.
Pasei moitos veráns sen vela e hai cousa de cinco ou seis anos, paseando unha tarde por Compostela, recoñecín o rostro adolescente que eu recordaba nunha muller de pelo longo, negro e encrechado que camiñaba con dous libros grosos apertados contra o peito. Ainda que non o dixen, eu a Carmela quéroa ben, e en canto estivemos de fronte, berramos unha o nome da outra outra e abrazámonos todo o que nos permitiron os libracos que ela levaba. Cando nos soltamos, eu, que son unha acomplexada crónica, quixen sandar feridas vellas e comecei toda fina:
-¡Qué guapa te veo, Carmela! Ha pasado tanto tiempo desde la última vez...
E ela a mirarme estrañada.
-Ai, Amalia, non me digas que agora es ti a que fala español.
Non podo xuralo, pero eu penso que corei ata as orellas e empecei a balbucir como unha parva.
-Non, muller, é que como xa antes malamente me entendías...-díxenlle entre outras babecadas máis.
Empezamos entón a encher ocos daqueles anos en que non nos viramos mentres nos instalabamos nunha mesa de terraza bendita polo sol.
-E dime ti, condenada, onde aprendiches a falar así galego, que ata parece que o mamaches?
Antes de que arrancase a falar, pareceume que algo lle escintalaba nos ollos.
-Vaiche soar cursi, Amaliña, pero foi cousa do amor. Eu teño a teoría de que para que unha lingua sexa de verdade propia ten que ser ou lingua nai ou lingua amante. Bueno, Xan, o meu mozo, prefire falar neste caso de lingua amigo, por aquilo das cantigas medievais, xa sabes –e todo iso saiu de corrido daquel peteiriño de onde eu nunca esperaría máis que un “Volverán las oscuras golondrinas...”
-O caso é que nunca na vida pensei que unha lingua puidese chegarme tan dentro... Pero é que, qué queres que che diga, onde ten a gracia un “te quiero” ao lado dun “ámote”, ou un “déjame a mí, cariño” comparado cun “xa o fago eu, meu amor”? E que me dis de un “queres patacas ou chícharos, miña rula”?
E aí seguiu ela, dalle que dalle, debullando todo o seu repertorio amoroso, mentres a min por dentro comezaba a rebulirme de novo unha envexa idiomática cega que xa dera por curada.
Despedímonos axiña porque Carmela quedara con Xan para ir a unha festa de exaltación do cachelo nun bar deses onde non soan máis que gaitas, pero eu, que non tiña présa, ainda lle pedín outra caña ao camareiro e, mentres o dourado da copa ía baixando con cada grolo case ao mesmo ritmo que caía o sol, tentei entender cómo podía ter agardado toda a vida que alguén me falase de amor sen importarme o idioma.

sábado, 30 de junho de 2007

Paxaros na cabeza (ou Bechos, só)

O outro día oín un chío na casa. Estaba diante do ordenador, como agora, e sentín a voz dun paxariño no corredor. Na miña casa, onde as ventás son de madeira vella, entran sons de todas partes e non podes facer caso de ningún: cando parecen voces no corredor, veñen do portal; cando te figuras que é da rúa, chegan do patio interior. Confúndenme a min, pero tamén a Roque, o meu gato, que levanta as orellas, en garda, fitando na dirección oposta ao ruído.
Agora os dous xa aprendimos e facémonos os xordos, e por iso ao chío non lle prestamos oídos. Roque, que durmía feito un nobelo no seu sillón, apenas moveu unha orella, igual que se escorrentase unha mosca, e eu seguín tecleando como quen está afeita a escoitar voces ou ver pantasmas.
O segundo chío, uns minutos despois, metéuseme máis na cabeza e fíxome pensar se non habería un niño perto dalgunha ventá ou na cornixa do edificio. Roque, pola súa banda, levantou un chisco o rabo, como se tentase con ese apéndice escoitar mellor, e voltou a enrodelalo no corpo.
Deberon pasar polo menos dez minutos ata o terceiro chío, pero desta vez tiven que xirar as rodas da miña cadeira e, a lume de carozo, saír detrás de Roque, que ía ás carreiras xa polo corredor cara o cuarto do fondo co seu paso preciso e mol de bo cazador. Cando cheguei, el trataba de rubir por un estor mentras un pardal revoaba ousado xunto a moldura de escaiola do teito.
Por sorte, Roque é botado para adiante, pero os seus instintos están refinados de máis, así que non tiven problema en tiralo do estor, do que malamente se sostiña, e pechalo no baño. Voltei ao cuarto, cerrei a porta e abrín de todo a ventá, que non estaba levantada máis que dez centímetros ou así, para ventilar apenas e para que o meu benquerido Roque non tivera nunca tentacións de saír voando detrás dunha pomba. O pardal saiu ás presas e soltou un pío longo e chorón mentras eu, despois de baixar de novo a ventá e deixar libre a Roque, voltei ao escritorio matinando na aventura daquel paxaro, que entrara na casa dun gatón por unha fenda mínima e logo non fora quen de saír.
Cando logrei concentrarme –Roque tardou moito menos en coller de novo o sono no seu sillón- escribín case sen parar tres parágrafos do traballo que tiña entre mans e, cando estaba facendo o esforzo de fiar con tento a seguinte idea, escoitei outro chío. Pareceume unha alucinación ou un soño, pero non dubidei en ir cara o corredor amodiño, para non despertar ao gato. Estaba na metade cando outro chío chegou dende a cociña. Ás presas entrei e pechei a porta, pero alí parecía que non había ninguén. Mirei polo teito, mirei polo chan, enriba da neveira. Nada. Pareime un momento a pensar se estaba a tolear ou se os tolos eran os paxaros, que non sería a primeira vez, pero mentras tentaba reaccionar soou outro chío e xa non tiven dúbidas.
Viña do oco que quedaba entre a neveira e a ventá, onde gardo a vasoira, e ainda que ao primeiro seguín sen ver nada, axiña descubrín un paxariño diminuto que comezou a chiar aloucado en canto acheguei a man. Era tan cativiño que non fun quen de collelo por medo a esmagalo e, nun voo curto, alcanzou o outro lado da cociña. Aniñouse entón nun canto e, por fin, puiden rodealo cos dedos e miralo de perto. Era un poliño de pardal e no peto ainda tiña unha peluxe de pó que debeu enganchar ao afociñar na vasoira. Tireilla con coidado, mentras o bechiño tremía como unha folla, e leveino cara a ventá. Acerquei a man á altura da fenda e en canto o pardal pousou as patiñas na madeira da fiestra revolveuse un intre e saiu voando como se fose unha bolboreta. A loucura de chíos que soou entón dende todos os cantos do patio fíxome pensar que os paxaros tolearan de vez. Un métese na casa por unha fenda, outro entra por outro lado, agora chían como quen da vivas...
Voltei ao escritorio, seguín cismando, incapaz de retomar o traballo, e de súpeto, mentras ollaba o meu cultivado e doméstico gato durmindo no seu sillón diante da tele, ocorreúseme pensar se non habería ainda bechos que conserven instintos tan primitivos como o de xogar a vida polos fillos.
Animaliños!, pensei.

terça-feira, 19 de junho de 2007

Á esquerda do ceo

Cando era nena pensaba que nunca podería ir ao ceo. Se os bós sentaban sempre a dereita de Deus, eu, que era zurda incorrexible de man e pé, tiña que ter vedado por forza aquel espazo de nubes brancas e gordas onde ninguén sabía dicirme o que iamos facer. A idea meteúseme na cabeza cando a miña nai e a súa irmá, a tía Merche, comezaron a levarme a misa os domingos. Eu debía de andar polos catro ou cinco anos e, ainda que non facía moito caso do que falaba o crego porque quedei cativada dende o primeiro día por aquelas imaxes máis grandes e vivas que calquera boneca, sobre todo a de san Roque, non podía evitar virar a cabeza cara o púlpito cada vez que o home falaba de que “Jesucristo subió a los cielos y está sentado a la derecha de Dios”. E iso ainda, pero o día que tocaba o de “pondrá las ovejas a su derecha y los cabritos a su izquierda” e o outro, moito máis grave, de “y dirá a los de su izquierda: apartaos de mí, malditos, al fuego eterno, preparado para el diablo y para sus ángeles”, entrábame un desacougo que me pesaba como unha áncora dentro do peito e non me deixaba esquecer durante horas e horas o que don Agustín lera. E ás veces, cando me deitaba á noite, ainda me poñía a pensar qué cousa mala podería haber en estar á esquerda ou escribir coa esquerda e como podían condenarte só por iso pola eternidade toda.
...

A cousa seguiu aí, co seu ruxe ruxe, tempo e tempo, ainda que eu fun facendo as miñas trampas como se non fora conmigo. Inventei unha letra nova para o Credo que ía repetindo baixiño, cos índices metidos nas orellas, mentras os outros rezaban a súa oración e, o día que tocaba ler o do xuizo final, facía como quen estaba mareada e saía da igrexa a tomar o aire antes de que chegaran á parte das ovellas e dos cabuxos. Fun zafando así ata máis ou menos os sete anos e medio, que foi cando empecei a catequese para facer a comuñón. Ao primeiro pensei para min que o da Biblia non debía de ser así tan ríxido como eu entendera, pero cada vez que entraba na igrexa e mollaba os dedos da man dereita na pía de auga bendita antes de levalos á fronte, como me ensinaran, repetíame que non tiña sentido seguir por aquel camiño, sendo boa a vida toda, se ao final me ían colocar no meu lado, o esquerdo, co demo e cos seus anxos. Así que, despois de matinar moitas noites, resolvín poñer as cousas claras na primeira confesión co causante de todo iso, don Agustín.

...

-Ave María Purísima.
-Don Agustín...
-Dise sin pecado concebida, Amalia.
-Don Agustín, espere.
-Que pasa?
-Dígame antes unha cousa. Os zurdos poden ir ao ceo?-e só de dicilo o meu corpiño comezou a tremer como unha folla.

Don Agustín riuse así como rin os cregos nas igrexas, polo calado, pero as bágoas que me empezaron a baixar polas fazulas sen eu querer acabaron con aquel meio sorriso de santiño.
-Pero, nena, que parvadas dis? Se son bós, por que non habían de ir ao ceo como os destros?
-Iso digo eu, pero...- e comecei a contarlle toda a historia que tantas veces el lera na misa.
Como un pai agarimoso don Agustín foime explicando entón que o de Xesús á dereita e os demos e os cabuxos á esquerda non era máis que un falar, unha historia escrita para explicar as cousas de Deus, que sempre son moi complexas. Animoume logo a seguir sendo boa e fíxome dúas preguntas do catecismo para demostrarme que, sendo zurda e todo, estaba moi ben preparada para facer a comuñón. Tra-la explicación, eu por fin respirei aliviada e, como se pedise un aloumiño, pregunteille:
-Entón, non o vai dicir máis?
Don Agustín quedou calado, coa boca apertada, e foi deixando pasar un segundo e outro mentras eu volvía a tremer. Ao final, separou os beizos un chisco e, cando parecía que ía respostar, fitoume aos ollos, ainda húmidos, e volveu pechar a boca. Entón, como si lle pesase, moveu a cabeza amodiño dun lado a outro negando mentras a min se me formaba un sorriso agradecido.
...


Con aquel xesto don Agustín provocou un lío caralludo na parroquia, pero o de poñer carteis polas columnas de toda a igrexa coa nova fórmula do Credo non foi nada comparado coas visitas que o bo do crego tivo que facerlle ao bispo. Ía sempre recén bañado e afouto e volvía amoucado e sen forzas para celebrar a misa da tarde. Indo e vindo, indo e vindo, conseguiu -eu ainda non sei como- que o 26 de maio, día de Pentecostés, eu recibise a comuñón nunha cerimonia na que Xesús subiu ao ceo e sentou á carón do Pai e na que os bós rodearon a Deus no xuizo final e os malos foron afastados da súa beira.
A partir de entón, non houbo máis dereitas nen esquerdas na miña igrexa e cada vez que na misa do domingo don Agustín rezaba o Credo e chegaba a certa frase levantaba a cabeza e buscábame cos ollos. Cando me atopaba nunha das primeiras ringleiras, deixaba escapar un sorriso deses de crego, polo calado, e satisfeito seguía coa súa oración.
...

O funeral de don Agustín celebrouno un crego novo que o bispo xa elixira para sustituilo cando enfermou. Eu, que andaba polos doce anos, estaba tan triste que pasei media cerimonia repasando todos os recordos que gardaba do cura vello dende os cinco anos e non atendín a nada do que falaba o novo nen me decatei sequera cando empezou coa leitura do Evanxeo. “Y dirá a los de su izquierda: apartaos de mí, malditos”, escoite de súpeto e saiume un salouco tan amargo que souben que algo acababa de romperme no peito, no lado esquerdo, o do corazón. Díxenlle a miña nai que me estaba a marear, saín da igrexa e, mentras corría cara casa chorando, sentín, de novo, o lonxe que estaba o ceo de min.

domingo, 10 de junho de 2007

O namorico de Atilano

Amália Rodrigues, a miña querida Amália, ten unha canción que empeza: “No mercado da ribeira há um romance de amor entre a Rita que é peixeira e o Chico que é pescador”. E debeu de ser un amor xubiloso porque ela o canta cunha ledicia na voz da que os seus fados están orfos. O caso é que eu veño de atopar unha historia desas, ainda que a miña non rima, pero si fumega.
Foi hai quince días no supermercado. Eu andaba a dar voltas polos corredores do Gadis na procura de uvas pasas para facer unha empanada de bacallau e mentres estaba parada no medio, dubidando entre ir ao estante dos froitos secos ou ao da repostería, que está no outro extremo, sentín una especie de doce quentura que me fixo levantar os ollos con curiosidade por ver qué era: se pan saindo do forno, manteigadas tenras que alguén abrira para agachar a fame ou o perfume exótico dalgunha clienta estranxeira. Pero non, non viña daí, senón do que tiña diante. A catro metros atopábase Atilano, o encargado do súper, que estaba a fitarme cun ollar fervente que me traspasaba. Non vou dicir que nunca me miraran así, pero non me pasou máis de dúas ou tres veces na vida –dúas, non vou mentir– e as recordarei sempre. El estaba todo teso, co queixo un poco levantado, e tan alleo o que pasaba ao redor que eu empecei a notar que as meixelas se me prendían en lume por se alguén nos estaba a mirar. E non fun quen de sosterlle máis o ollar.
Atordada como unha adolescente, baixei a cabeza, dinlle as costas e case sen forzas, porque me tremían as pernas, aventurei un paso cara a frutería. Non era quen de pensar, pero ainda así tratei de recordar o que andivera buscando un chisquiño antes. Levantei de novo a vista para orientarme e alí a atopei a ela. Matilde, a carniceira, estaba xusto diante, tentando esquivar cos ollos o meu corpo, como se eu fose unha nube negra que lle tapase o sol. Nas pupilas tiña o mesmo brillo do demo co que Atilano pretendera traspasarme e estaba cos beizos entreabertos como se non lle chegase o nariz para respirar. Entroume unha carraxe cega e, cando pasei ao seu carón, tropecei e case caio, pero ela nin caso, como se non fora pola súa culpa. Saín as carreiras do súper e, ao final, tiven que facer croquetas co bacallau e esquecer a empanada. Da impresión, para máis, ainda tardei unha semana en volver ao Gadis.
O mércores entrei de novo e alí estaban os dous diante do expositor da carne facendo que facían un pedido ao matadeiro. Cadaquén agarraba un cantiño da folla, pero nin Atilano nin Matilde baixaban os ollos ao papel. Corei outra vez, como unha parva, e dende entón, ainda que volvín máis veces, teño boa conta de non meterme polo medio de ningún dos seus ollares.