terça-feira, 20 de novembro de 2007

Antonieta (II)

A cabra estaba sentada enriba das patas, como unha figuriña do Belén, e no lugar desa faísca que escintilaba sempre nos seus ollos, tiña o ollar sereno e ata un pouco aparvado que a Roxa podería imaxinar no boi do presebe ou mesmo en San Xosé. Contra o seu costume, Antonieta non se puxo de pé nin se moveu e só cando a vella deu dous pasos dentro da corte e descubriu que a cabra non estaba soa, despregou as patas dianteiras e chantou os cascos no chan en sinal de alerta. Xunto ao ventre de Antonieta, tenso e inflado como un fol, durmía un gato pequeno e negro que á chegada da Roxa respondeu levantando unha orella, pero sen abrir os ollos nin desfacer o nó que debuxaba o seu corpo enrodelado.
-Fuxe! Fuxe!- empezou a vella mentres sacudía a man cara o animal, que dun salto púxose en pé encrespado e recuou cara a parede como un caranguexo. Antonieta namentres endereitárase sobre as catro patas e beaba fóra de si ao tempo que interpoñía o seu corpo entre o do gato e o da ama, que miraba á cabra sen recoñecela.
Cando o animal estirou o pescozo e lanzou os seus dentes saltóns cara a man que a muller seguía a abanear sen conseguir apresala, a Roxa detívose e comezou a retroceder cara a porta pasmada. Comprobou que a cada paso que desandaba Antonieta relaxaba o seu ollar de ameaza ata que, cando estaba xa na entrada, a cabra virou cara o seu compañeiro e baixou o fouciño ata rozarlle o nariz. A Roxa puido comprobar entón que o gato tiña un ventre dilatado que lle chegaba case o chan, un ventre de gata, e que respondía ao aloumiño da cabra rozando o seu corpo cimbrante contra as patas nodosas de Antonieta.
A vella, esquecida xa do seu recibo da contribución, saiu do cortello coas fazulas encarnadas, cunha mistura de rabia e pudor dentro do peito, pero ao pasar polo fachineiro ainda botou unha ollada cara dentro e viu que Antonieta e a súa amiga voltaran a súa posición inicial e descansaban sentadas no chan cos seus ventres palpitantes e ben arrimados un ao outro.
De camiño a casa, A Roxa xurou non falar daquela tolería a ninguén, pero nunhas semanas toda Boiniña, incluido o meu avó, coñecía o conto.