quarta-feira, 24 de outubro de 2007

Antonieta (I)

Na aldea dos meus avós, en Boiniña, vivía unha señora pequena e enrugada e, con ela, un can que comía mazás, un porco ao que sacaba a pasear cunha corda amarrada ao pescozo e unha cabra vella e descarada que era a súa maior confidente. Á muller bautizárana Encarnación, pero todos a chamaban A Roxa. Cando mandaron a don Euloxio de párroco para a colexiata e chegou don Roberto tardou ainda tres semanas ou máis en darlle a comuñón porque Encarnación era vella e fea como unha bruxa e tiña un alcume que soaba perigoso e, sobre todo, ateo. Creo que foi meu avó, que coñecía á Roxa dende cativo, quen lle tivo que explicar ao crego que onde había agora un cabelo grisallo antes bailaba unha melena mesta e encarnada e que as manchas escuras que a muller tiña na cara foran noutro tempo un cento de pencas que acendían as meixelas igual que estrelas no ceo. Era A Roxa por iso, nada máis, tivo que aclarar o meu avó.
Xa de vella a muller vivía cos seus animais nunha casa de planta baixa ao pé do camiño que saía da aldea cara o monte. Ao can chamábao Siño, de ‘canciño’ seseado, e, ainda que era pequeno e de patas curtas, facía fuxir a calquera que, ao velo rillar na froita baixo unha maceira, ousaba traspasar confiado a cancela. Como premio, A Roxa deixábao durmir dentro da casa, nun cantiño xunto a lareira, pero o seu preferido, ainda que pasase a noite na corte, era o porco Falconetti; iso sabíano todos.
Falconetti era un cocho enorme e manso que foi vendo pasar ano tras ano o San Martiño sen que lle tremesen as patas. “Que desperdicio de animal!”, dicíanlle nos primeiros anos os veciños á dona querendo eloxiar as cualidades do porco para facer un bo cocido. “Mellor estarías ti na ola, lerchán, que non serves para outra cousa”, respostaba ela coas fazulas encarnadas pola rabia e, de seguido, daba un tironciño na corda que amarraba ao porco e marchaba rosmando e coa cabeza moi tesa, como se pasease un caniche por unha rúa céntrica da capital. A ela Falconetti servíalle para moito máis que para facer o caldo. A Roxa faláballe con palabras doces, como a un namorado, mentras paseaban polos carreiros da aldea e o porco escoitábaa meneando un pouco a cabeza e facendo bailar as orellas, como se asentise. Outras veces semellaba ser el o que animaba a conversa porque a vella escachaba de súpeto nunha gargallada e pasáballe unha man polo pescozo ao animal, como se o cocho lle acabara de contar algo cómico.
Para Falconetti eran as boas palabras, pero cando a muller andaba a cismar polos cantos acababa desfogando coa cabra. Falconetti debía de andar polos sete ou oito anos, pero dos da cabra A Roxa xa perdera a conta. Ainda así, o animal era áxil e aloucado como unha cabuxa e tiña un pelaxe branco e brillante que o facía parece sempre aseado. A cabra tiña ademáis ollos vivos e cara de lista e, ainda que fose casualidade, escoitaba os desacougos da Roxa calada e co ollar baixo e só cando a muller preguntaba “Ti que dis, Antonieta?” levantaba os ollos, deixaba pasar uns segundos e soltaba un beo longo e reflexivo.
A escea repetíase cantas veces A Roxa requería á cabra, pero unha mañá de principios de verán, cando a muller foi á procura do animal ao cortello para queixarse porque chegara o recibo da contribución, descubriu que algo cambiara en Antonieta.