domingo, 14 de setembro de 2008

Amor suicida

Con vinte anos, a miña amiga Claudia era intelixente, fermosa e doce, pero non o sabía. Era tamén áspera, de temperamento imposible e tan insegura que, posta ao lado de calquera, sempre se vía perdendo. Isto, máis que sabelo, sufríao, pero dubidaba de se tiña amaño ou non.

Con trinta anos, o meu veciño Xurxo era intelixente, fermoso e doce, pero aínda que el o sabía non conseguía facerllo ver a moza ningunha. Cando, para marabilla da vila, Claudia e Xurxo se xuntaron, ela deulle a el todo: a intelixencia, a fermosura e a dozura que non sabía que tiña... e tamén a súa aspereza, o seu temperamento imposible e a súa infinita inseguridade, e máis cousas que tiña dentro.

Xurxo quíxoa así, toda enteira, e, en troques, deulle -ademais da intelixencia, da fermosura e da dozura que tiña por descubrir- os seus ollos, nos que Claudia viuse, por fin, intelixente, fermosa e doce e pensou que todo o demais -que a Xurxo o facía sorrir comprensivo- non tiña amaño de vez. Claudia por primera vez sentiuse ela, sen vergoña, e sentiuse tamén feliz.

Pero a felicidade duroulle pouco e Claudia volveu sofrer. Unha noite que choraba envergoñada nos brazos do mozo, despois de ter sacado o peor que tiña dentro, preguntoulle:

-Ti quéresme así, Xurxo?

-Eu quérote así. Toda, sempre- díxolle el cos ollos húmidos.

-Eu así non me quero, Xurxiño. Nada, nunca- respondeulle ela secando as meixelas.

E antes de ter clarexado o día deixouno.

1 comentário:

Jose disse...

Es muy necesaria la campaña contra la pornografia infantil, entre todos podremos conseguir que esto poco a poco se erradique, yo tambien me uní, es algo que nos importa a todos la verdad

por cierto, estamos buscando gente que le interese compartir enlaces para mejorar la posicion en buscadores, te dejo mi email intercambios@Ymail.com

Un saludo, la campaña es un éxito la verdad