quinta-feira, 30 de agosto de 2007

Unha mentira

Recordo que na escola xa deramos vacacións. Era ao principio do verán, pero, como ocorre nesta terra, semellaba ainda primavera. Seguía a chover días enteiros, o sol acariñaba sen chegar nunca a queimar e as leiras e os campos parecían estar sempre nun rebulir de festa, como se alguén se afanase en facer cantar os animais e en enfeitar a terra coas cores máis alegres.
Debía de ser media mañá cando saín da casa para ir buscar ovos á da veciña porque as nosas galiñas andaban namoradas e case non puñan. Cando estaba a chegar, vin de costas na beira do camiño ao home da veciña, o señor Domingo, que estaba a traballar a terra cun sacho. Ía pasar de largo, porque o señor Domingo era un túzaro que non aturaba aos nenos, pero cando estaba case a súa altura escoitei un miañar louco e tan agudo como a picada dun alfinete. O son levoume como hipnotizada cara ao home e fíxome chantar os pés ao seu lado. O señor Domingo miroume de esguello sen deixar de traballar mentres eu afundía arrepiada os ollos na terra.
-Marcha daquí, nena!- díxome mentras tentaba calar o miar de tres gatiños que loitaban por saír dun buraco feito na leira.
Eu non era quen de pestanexar e tiña tanta urxencia por berrarlle que parase que non conseguía desatoar as palabras da gorxa.
-Que os vai matar...- foi o que primeiro que conseguín dicir, pero non nun berro, senón nun murmurio que eu sentín máis baixo có latexo do corazón, que me batía ao ritmo tolo dos miau, miau, miau.
-Marcha daquí, nena! Non ves que están mortos?
-Que non! Que non! Mire!- dixen pensando que se enganaba, pero cando quixen agarrar o último gatiño que afundía as unllas na parede daquel pozo querendo amarrarse á vida o señor Domingo tiroume cara atrás co brazo que tiña libre mentres co do sacho botou outra morea de terra negra que fixo calar o chan.
-Están mortos, nena. Lisca daquí, veña.
E, como tiña razón, marchei.
Voltaba sen ovos, cos ollos moi abertos e cos beizos apertados para non chorar, e cando estaba chegando a casa un son anguriado fíxome levantar os ollos. Sobre o muro que separaba a nosa finca da do lado, camiñaba a gata dos veciños co ventre ainda frouxo e miañando dorida cara o ceo.

5 comentários:

Ana Ballesteros Pena disse...

Recordei algún episodio da miña infancia... un túzaro... e gatiños vivos sendo enterrados... Gustoume.

Amalia Verdura disse...

Que recordas ao túzaro, seguro. Pero tamén viches gatiños enterrados?

pau disse...

tremendo... sempre pensei que essa práctica erra terrível, mas tivem a imensa sorte de nom coincidir com ela... é tremendo o teu conto, seja verdade ou nom.. é tremendo. ainda estou com as lágrimas nos olhos.. parece em todo o momento que nom vai suceder, que finalmente encerrarás o conto com umha salvaçom... mas nom, é pior.. a mai a miar .. buf. tremendo.

Amalia Verdura disse...

Foi tremendo, si. Imposible de esquecer máis.

Xosé disse...

Os adultos minten de sempre aos cativ@s sobre situacións tráxicas. Seguimolo a facer nese tento esteril de agochalos da realidade que lles vai ofrecer a vida. Esa historia que contas era unha costume extendida en todas as vilas. Mesmo nas mariñeiras os animais acababan no fondo do mar. É unha mentira? Si. Pero... está ben facer a un cativo participe indirecto dunha barbaridade?